Skip to main content

El Cetmar acoge un curso sobre inspección pesquera en el que participan representantes africanos

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos de la Xunta de Galicia:

As instalacións do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, acollen o Curso sobre Inspección Pesqueira e Protección de Recursos Mariños no que participan técnicos relacionados coa inspección e a vixilancia procedentes de Guinea Bissau, Cabo Verde e Santo Tomé e Príncipe. Esta actividade formativa enmárcase no “Programa NAUTA”, unha iniciativa na que participa o departamento que dirixe Carmen Gallego xunto coa Dirección Xeral de Cooperación Exterior e a Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI).

Este curso realízase despois de que técnicos do Cetmar e do Servizo de Gardacostas da Consellería de Pesca se desprazaran aos tres países africanos, onde fixeron unha diagnose das necesidades, tanto humanas como materiais, destes estados en materia de inspección pesqueira.

Agora, durante os vindeiros días técnicos de Cabo Verde, Guinea Bissau e Santo Tomé e Príncipe participarán en diversas actividades, entre as que se atopa a asistencia a charlas, así como saídas para comprobar “in situ” como se realizan as inspeccións pesqueiras. Deste xeito, participarán en sesións nas que se abordará a política de mercados, o procedemento
sancionador e cuestións relativas a artes e aparellos, entre outras.

Ademais, visitarán as instalacións de Frigoríficos do Morrazo e das lonxas de Ribeira e Vigo, así como a delegación comarcal da Consellería de Pesca en Ribeira e algunhas bateas.

O propósito do “Programa NAUTA” é dotar de coñecementos e equipos no eido da vixilancia e a inspección pesqueira ao sector marítimo dos países da África Subsahariana, en concreto a Cabo Verde, Guinea Bissau e Santo Tomé e Príncipe. O proxecto persegue dar un pulo ao progreso económico e social destas rexións, a través do desenvolvemento das zonas vinculadas á
pesca, e que este impulso sexa compatible coa conservación e a xestión sostible dos recursos mariños.

Na inauguración do “Curso sobre Inspección Pesqueira e Protección de Recursos Mariños” que tivo lugar nas instalacións do Cetmar participaron a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, e a directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, Fátima Linares Cuerpo. Durante a súa intervención, Fátima Linares destacou o compromiso da Consellería de Pesca coa preservación dos recursos pesqueiros a través do desenvolvemento e a aplicación de estratexias e accións encamiñadas á súa protección e conservación.

Segundo apuntou Fátima Linares, o departamento que dirixe Carmen Gallego asume esta responsabilidade tanto dentro como fóra “das fronteiras do seu goberno”, xa que considera necesario “apoiar, para o beneficio de todos, os pobos nos que se poidan explotar e conservar de forma rendible e sostible os recursos pesqueiros”.

Ademais, a directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro manifestou o desexo de que estas xornadas sexan de utilidade para os representantes africanos, de forma que “sexamos capaces de transferirlles axeitadamente a nosa experiencia para que ao seu regreso poidan empregalos na súas actividades de protección e vixilancia dos recursos mariños”.
R.