Skip to main content

Las ayudas para el Plan de Pensiones de las Mariscadoras se publica próximamente en el DOG

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos de la Xunta de Galicia:

A orde pola que se establecen as axudas para que os mariscadores e mariscadoras a pé poidan completar os períodos mínimos de cotización para acadar unha pensión de xubilación sairá publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) próximamente. Así llo trasladaron representantes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos aos sindicatos, á Federación Galega de Confrarías e ás
asociacións de mariscadores Agamar e Areal nunha xuntanza celebrada en Santiago de Compostela.

Esta iniciativa favorecerá a aqueles mariscadores e mariscadoras que ao cumprir os 65 anos non poidan disfrutar dunha pensión de xubilación por non acadar o período mínimo de contribución (15 anos) esixido pola Seguridade Social. Deste xeito, os beneficiarios das subvencións deben atoparse nalgunha das seguintes situacións: que na data de cumprimento dos 65 anos teñan o permiso de explotación (permex) para o marisqueo a pé en
vigor; que cumpridos os 65 anos teñan prorrogado o permex; ou que
estiveran en posesión do permex ata os 65 anos, tiveran recurrida a denegación da renovación do citado permiso por cumprimento desa idade e se ditara, pola Consellería de Pesca, resolución de suspensión da eficacia da referida denegación.

Por outra banda, os requisitos que deberán cumprir os solicitantes para acollerse a estas axudas son: ter exercida a actividade marisqueira a pé durante os dez anos anteriores á data de cese na mesma; ter cotizado á
Seguridade Social un período mínimo de sete anos; e non ser beneficiarios de ningunha outra subvención para a mesma finalidade nin perceptor de pensión de xubilación ou incapacidade permanente. Ademais, deberán asinar un convenio especial coa base mínima do grupo III, tarifa 9, do Réxime especial dos traballadores do mar e acreditar, con anterioridade a ditarse
a proposta de resolución de concesións, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non ten pendente ningunha débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

En canto á contía das axudas, poderá ser de 761,37 euros mensuais como máximo ata acadar a pensión de xubilación na súa modalidade contributiva ou unha pensión de incapacidade permanente. Dese importe deduciranse por parte da administración aquelas cantidades dirixidas ao pagamento do convenio especial asinado polo beneficiario. Así mesmo, cabe sinalar que a dotación orzamentaria desta iniciativa para este ano será dun millón de
euros, sendo o prazo de presentación das solicitudes dun mes a contar dende o día seguinte ao da publicación da orde.

A normativa vixente na actualidade establece que, con carácter xeral, os mariscadores deben cesar a súa actividade o mesmo día que cumpran os 65 anos polo que, en tales circunstancias, poden solicitar a correspondente pensión de xubilación. Non obstante, existe un importante colectivo de profesionais que ao rematar a súa actividade profesional non poden disfrutar da devandita pensión por non acadar o período mínimo de cotización requirido pola Seguridade Social.

Consciente desta situación, o departamento que dirixe Carmen Gallego, a través desta orde, establece unhas axudas que permitirán colaborar no pagamento desas cotizacións para completar, mediante a suscrición dun convenio especial coa Seguridade Social, o período mínimo de contribución ao Réxime especial dos traballadores do mar. Ademais, a través desta
iniciativa, o departamento autonómico facilitará a subsistencia durante o tempo necesario para completar esas cotizacións.

Con esta actuación, preténdese garantir a este colectivo unha xubilación digna xa que estes profesionais percibirán unha contía similar á que cobrarán aquelas persoas con 15 anos cotizados no Réxime especial do mar.

Ademais, cabe sinalar que esta iniciativa está enmarcada nas melloras sociais postas en marcha pola Consellería de Pesca, entre as que se atopan o seguro do mal tempo ou a ampliación da póliza do seguro colectivo de accidentes no mar aos inmigrantes enrolados en buques pesqueiros galegos.
R.