Skip to main content

Pesca lleva a la III Semana Náutica de Ferrol Spinnaker 2007 la campaña Uhmm... peixe

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos de la Xunta de Galicia:

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través da dirección xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, leva a campaña “Uhmm... peixe” aos nenos en “Spinnaker 2007”. O evento ten lugar entre os días 1 e 5 de agosto, de xeito que o Porto de Ferrol se converterá no escenario adicado aos deportes naúticos e ao ocio
mariño na súa terceira edición da Semana Náutica. O departamento que dirixe Carmen Gallego tamén participará no certame cunha carpa de 50 m2 na que se habilitará un espazo para que os nenos poidan realizar actividades vencelladas ao mundo da pesca e así lograr o obxectivo da campaña, que se centra na promoción do consumo de peixe entre os máis pequenos.

O apartado lúdico será o método empregado para lograr involucrar aos rapaces e por iso entre as actividades programadas atópase a celebración de dous obradoiros diarios e a creación dunha área de debuxo. Estas actividades diríxense aos nenos con idades comprendidas entre os sete e os nove anos, que recibirán un agasallo con material específico da campaña só por participar nos talleres.

Os obradoiros, que terán lugar entre as 12:00 as 14:00 horas en horario de mañá ou de 18:00 a 20:00 horas para os que prefiran achegarse pola tarde, contan con diversas actividades lúdicas. Así, os nenos poderán xogar co “Receitario”, co que coñecerán as formas de preparación do peixe; terán que debuxar as espiñas das distintas especies no programa “En busca da espiña perdida”; e participarán en “Preparo a miña talladiña”, unha maneira divertida de aprender a usar a pa e o garfo coa axuda de carteis e puzzles...

Durante o tempo no que non haxa obradoiros, habilitarase un espazo para que os nenos poidan realizar debuxos vencellados á mascota da campaña “Raspiña” e, se queren, poderán expoñer as súas creacións nun taboleiro situado na carpa da Consellería de Pesca.

O obxectivo xeral da campaña é vencellar o feito de comer peixe a algo divertido, saboroso e, por enriba de todo, saudable. Ademais, e dado que o principial motivo do rexeitamento deste produto por parte dos nenos radica nas espiñas, o obxectivo específico fixado nesta iniciativa é, entre outros, coñecer o lugar onde se atopan, empregar os instrumentos e técnicas que permitan separalas e, a fin de contas, captar o interese dos
rapaces polo peixe como alimento dándolle un sentido lúdico a este feito.

Para facilitar a aceptación desta campaña entre os nenos deseñouse unha mascota para facer máis divertidas todas as accións desenvolvidas no marco deste proxecto. “Raspiña” é un deseño galego e pretende facer do que menos gusta aos rapaces do peixe o máis divertido.

Dende a sociedade española estase a percibir o escaso interese que os nenos e nenas amosan polo peixe como parte das súas dietas. Consciente desta realidade, a Consellería de Pesca deseñou unha serie de medidas destinadas a facilitar o coñecemento e consumo dos produtos do mar entre a poboación infantil co fin de equilibrar a súa alimentación. Nesta iniciativa tamén participan as consellerías de Sanidade e Educación.

Destaca a importancia de pór en marcha unha actuación como “Uhmm... Peixe” tendo en conta que a presenza deste alimento nos menús dos comedores das escolas non chega ás dúas veces por semana, fronte ao predominio dos produtos cárnicos, moito máis usuais. Ademais, a oferta de platos elaborados con este produto tampouco é moi variada e o peixe non sempre é o elemento principal. Isto ten como consecuencia a menor inxesta deste produto tan necesario na alimentación dos nenos.

Estes son algúns dos datos que se desprenden do estudo do consumo de peixe nos comedores escolares españois durante o 2006 realizado polo FROM. O estudo destaca que aínda que a maioría dos cativos comen todo o que se lles serven, existe un nivel de descontento co peixe como alimento e ás veces unha maior duración do tempo da comida.
R.