Skip to main content

Las directivas gallegas cobran un 68'5% menos que los hombres en cargos similares

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Traballo:

No Estudo sobre a situación sociolaboral da muller en Galicia o Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL) constata que a discriminación salarial da muller está vinculada a unha valoración “diferencial, sexista e interesada dos postos de traballo”. Desta valoración derívanse os datos que demostran que as mulleres galegas cobran, por termo medio, un 27% menos cós homes no mesmo posto de traballo. O estudo deste organismo autónomo, dependente da Consellería de Traballo, desmonta o estereotipo de que a discriminación salarial afecta só ás traballadoras con menos formación. Un dato revelador é que as directivas de Galicia cobran un 68,5% menos que os directivos.

O Consello Galego de Relacións Laborais expón algúns dos factores que propician a discriminación salarial entre homes e mulleres:

- As descricións diferenciais dos postos de traballo
- As comparacións con outras empresas con traballos feminizados e, por conseguinte, infravalorados
- Salario mínimo, xa que as mulleres se atopan en xeral nos niveis salariais inferiores dentro dos rangos salariais da empresa
- Os métodos de suba salarial, asociados, por exemplo, á promoción profesional, á cal as mulleres atopan máis dificultades en acceder
- As crises económicas, que afectan primeiro aos sectores económicos máis feminizados. Nun segundo banzo, cando a crise afecta ao resto dos sectores, as mulleres que traballan neles resultan afectadas antes que os varóns. Este feito está estritamente vinculado á idea de que os empregos das mulleres aportan salarios “complementarios”, porque se dá por feito que o salario principal é o do home, “cabeza de familia”
- As novas formas de organización do traballo como é, por exemplo, a externalización dos servizos por parte da empresa

Un indicador interesante para a análise da discriminación salarial é o nivel educativo por sexos, en relación ao salario anual. O CGRL considera que a discriminación salarial non obedece tanto á actuación dos empresarios e negociadores colectivos, senón ao reflexo da desigual posición de homes e mulleres na nosa sociedade en xeral, e no mercado de traballo en particular.

A diferenza salarial entre mulleres e homes sen estudos supera o 45%. Chama máis a atención que o segundo grupo no que figura a maior discriminación salarial é o das licenciadas, enxeñeiras superiores ou doutoras, que perciben un 36,9% menos de salario que os seus compañeiros.

Así pois, segundo o CGRL o feito de que as mulleres sexan maioría como alumnas nas universidades galegas non garante nin que a súa inserción laboral sexa máis doada nin que os seus salarios vaian estar equiparados aos dos seus compañeiros.

Prodúcese en ambos os dous casos o chamado efecto tesoira, xa que se pensamos na representación gráfica deste feito (máis mulleres que homes nas universidades, pero posteriormente máis homes que mulleres no emprego e nos rangos salariais superiores) a figura que se forma é a dunha aspa ou, dun xeito máis alegórico, unha tesoira aberta que “corta” a progresión profesional e económica das mulleres.

A Consellería de Traballo considera que a mellora da situación do mercado laboral galego require, ineludiblemente, da consecución da igualdade laboral das mulleres. Este reto pasa pola incorporación das traballadoras a estas profesións nas que están subrepresentadas e que constitúen unha fonte primordial de postos de traballo. Por iso a Dirección Xeral de Formación e Colocación está volcada estes meses no desenvolvemento do programa Muller porque si, que ten precisamente por obxectivo que mulleres desempregadas se interesen por estas ocupacións e sigan itinerarios personalizados de inserción para encadrarse nelas.

A un tempo, a Dirección Xeral de Relacións Laborais desenvolverá a partir do último trimestre do ano accións formativas, en colaboración coa Inspección de Traballo, para que os inspectores dominen todos os requirimentos procedimentais precisos para detectar e erradicar as condutas de discriminación laboral contra as mulleres. Isto inclúe actuacións en relación cos impedimentos para o acceso ao posto de traballo ou ao ascenso na escada laboral, así como o control da contratación ou, por suposto, das condutas que implican acoso moral ou sexual no traballo.

Todas as iniciativas da Consellería de Traballo relacionadas coas traballadoras teñen como marco a Lei do Traballo en Igualdade das Mulleres de Galicia, que entrou en vigor o pasado 3 de maio. O desenvolvemento regulamentario levarase a cabo a través de tres decretos relativos ás distintas medidas que a lei dispón para promover nas empresas a excelencia en igualdade. O primeiro deles fará referencia á promoción autonómica das medidas de conciliación, aos bancos do tempo e aos plans de programación do tempo nas cidades. O segundo dos decretos establece o desenvolvemento regulamentario da Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Traballo, da Comisión Consultiva Autonómica para a Igualdade entre Homes e Mulleres na Negociación Colectiva, do Consello Galego de Participación das Mulleres no Ámbito do Emprego e das Relacións Laborais, e das medidas en materia de seguridade e saúde laboral.

O terceiro decreto encargarase da regulación e o compromiso da posta en marcha dunha conta satélite, da promoción da igualdade nas empresas, da integración da igualdade nas políticas de emprego e dos criterios e beneficios da concesión da Marca Galega de Excelencia en Igualdade. Para a Consellería de Traballo o deseño dos procedementos destinados á obtención da Marca Galega de Excelencia en Igualdade constitúe un obxectivo prioritario.
R.