Skip to main content

Pesca invierte 270.000 euros en el acondicionamiento de la antigua fábrica de conservas Goday

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos de la Xunta de Galicia:

O Consello da Xunta de Galicia autorizou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e o Concello da Illa de Arousa para a realización das obras de acondicionamento do edificio da antiga Fábrica de Conservas Goday para actividades museísticas e de divulgación sobre o mar e a pesca. Este edificio, de propiedade municipal e que forma parte do inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, atópase situado na rúa Palmeira, nº 25 desta localidade arousana.

A través deste convenio, o departamento que dirixe Carmen Gallego aportará un total de 270.000 euros para o acondicionamento final do edificio que permitirá pór en marcha, canto antes, as actividades que se prevén realizar nel. O financiamento para a execución das obras distribuirase en dúas anualidades: 2007 e 2008.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ten entre as súas competencias as relativas á divulgación en materias referidas á pesca, o mar e as actividades marítimo- pesqueiras. De feito, no programa de actuacións para a vixente lexislatura promóvese dende este departamento autonómico a necesidade de dotar de pequenos centros de divulgación aos portos do litoral con tradición pesqueira, que cumpran a función de dar a coñecer a realidade do mundo do mar, potencien o recoñecemento social do pescador, favorezan as prácticas de pesca responsable e fomenten o consumo dos produtos pesqueiros de calidade da frota artesanal.

Ademais, a intención da Consellería é colaborar e cooperar con aquelas entidades que, como o Concello da Illa de Arousa, desenvolvan accións de divulgación mediante centros permanentes, que programen e executen actividades ao longo de todo o ano. Así, a colaboración para o proxecto de acondicionamento da antiga conserveira Goday cumpre cos obxectivos marcados polo departamento de Pesca e por este motivo é apoiado.

A vixencia do convenio de colaboración que asinarán ambas as dúas administracións non poderá exceder do 30 novembro de 2008. Enténdese que antes desta data as obras deberán estar rematadas e ter a conformidade da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.
R.