Skip to main content

3.000 ninos gallegos comienzan el curso en la red gallega de Galescolas

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Vicepresidencia de la Xunta de Galicia:

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, abriu en Vilaboa o curso 2007-2008 na Rede Galega de Escolas Infantís. 3.000 nenos e nenas galegos comezan a encher de vida o proxecto Galescola, que botan a andar con 48 centros en todo o país. 23 novas galescolas abren por primeira vez as súas portas neste trimestre, o que supón a creación de 1.000 novas prazas na educación infantil pública de 0 a 3 anos, e a estes centros hai que sumar as 25 escolas infantís que xa xestionaba a Vicepresidencia da Xunta de Galicia, que dan cabida a 2.079 cativos. Durante o acto, ao que tamén asistiu a secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, Quintana sinalou a posta en marcha da Rede Galescola como “exemplo do cambio galego”.

O vicepresidente considerou que a posta en marcha destas galescolas marca un punto de inflexión para o comezo do que será un novo tempo na historia da educación infantil de 0 a 3 anos en Galiza, e dixo que as galescolas simbolizan unha auténtica forza para o cambio e unha esperanza para o futuro do país. Quintana asegurou que este proxecto, que cualificou como o buque insignia da revolución tranquila do benestar que impulsa a Vicepresidencia, vén dar resposta á necesidade urxente de superar as limitacións que presentaba Galiza neste ámbito, unhas limitacións inxustificables en calquera país que confía na infancia como protagonista do seu progreso. “As galescolas son a nosa resposta, unha iniciativa pioneira e cargada de futuro, pensada por e para o noso país”, afirmou.

Quintana explicou que as galescolas van ser, ante todo e sobre todo, boas escolas. Pero máis alá disto, o vicepresidente reclamou para estes centros un importante papel á hora de impulsar a educación como dereito no ciclo de 0 a 3 anos, coas máximas garantías de calidade e igualdade de oportunidades. Así mesmo, segundo dixo, van supoñen un avance na promoción das políticas de apoio ás familias e favorecerán a conciliación da vida familiar e laboral, facilitando a incorporación da muller ao escenario profesional. Deste xeito, o vicepresidente considerou estes centros como “un recurso para a igualdade”.

De aquí ao final da lexislatura, a Rede Galescola sumará un total de 121 novos centros, cun investimento total de 33 millóns de euros, que suporán a creación de máis de 6.000 novas prazas e a xeración de 1.200 postos de traballo. A taxa de cobertura de prazas públicas na educación infantil con estes novos centros pasará na provincia da Coruña do 13 ao 23%, na de Pontevedra do 10 ao 20%, e situará ás provincias de Lugo e Ourense á cabeza do Estado nesta ratio, superando as 33 prazas por cada 100 nenos que recomenda a Unión Europea, cun 36% e un 40% respectivamente.

Quintana salientou que o volume de recursos destinados a esta iniciativa avalan o carácter prioritario deste proxecto, principal alicerce da política familiar emprendida pola Vicepresidencia. Así, as 23 galescolas de nova construción xestionadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que agora abren as súas portas supuxeron un investimento por parte da Vicepresidencia de 6,2 millóns de euros. Estes centros contarán cun total de 125 traballadores e traballadoras, entre mestres, educadores, e persoal de servizos sociais. Trátase das galescolas de Boiro, Rianxo, Ponteceso, Cambre, Fene, Ortigueira e Zas, na provincia da Coruña; Taboada, A Fonsagrada e Pantón, na de Lugo; Xinzo de Limia, Coles, Pereiro de Aguiar, Vilamarín e A Rúa, en Ourense; e O Rosal, Portas, Covelo, Crecente, Campo Lameiro, Poio, Vilaboa e Cerdedo, na de Pontevedra. Así mesmo, Quintana xa adiantou que no período escolar do 2008 se van sumar a esta rede outros 20 centros.

Novo modelo

O vicepresidente puxo de relevo que a Rede Galescola representa a renovación no ámbito da educación infantil de 0 a 3 anos, deixando atrás un modelo anterior caracterizado pola fragmentación e os abismos de calidade, pola oferta insuficiente e polas limitacións en materia de organización, servizos e procesos entre unhas escolas e outras, para pasar a unha nova forma de entender a educación infantil máis aberta, dinámica e interactiva. O novo modelo que impulsa a Vicepresidencia desbota a visión tutelar e puramente asistencial destes recursos para substituíla por un enfoque que pon a mirada no desenvolvemento socio-educativo dos cativos. A sostenibilidade deste modelo en rede atopa a súa base nun moderno estilo de xestión avalado polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que a día de hoxe integra xa a 193 concellos galegos.

Calidade, identidade e compromiso de país

Para Quintana, tres son os alicerces nos que se fundamenta a iniciativa das galescolas: igualdade de oportunidades, identidade e calidade. Neste senso, explicou que as galescolas representan un cambio de perspectiva importante: “da infancia das necesidades á infancia dos dereitos”, para que “todos os nenos e nenas de Galiza, vivan onde vivan, teñan os mesmos recursos e oportunidades”. Dende esta visión, explicou o vicepresidente, as galescolas son un instrumento para o reequilibrio territorial que servirá para rachar dunha vez por todas co círculo vicioso que levaba a non poñer servizos porque non había xente e logo a que non haxa xente por non haber servizos. É, polo tanto, unha visión dos servizos sociais como “construtores de país”, como cómplices do dinamismo demográfico e do progreso en equilibrio.

Quintana sinalou a identidade como o segundo pivote da Rede Galescola, unha iniciativa pensada para Galiza e en clave galega. Así, explicou que as galescolas van proxectar unha educación sen complexos, respectuosa coa nosa cultura e orgullosa da nosa lingua, para educar ás xeracións do futuro no respecto e na coherencia co que somos.

Do mesmo xeito, o vicepresidente reivindicou estes centros como referente de calidade. Neste camiño, explicou que, xunto ás máis modernas infraestruturas, as galescolas priman o traballo en equipo e a utilización das novas tecnoloxías. A rede funciona como unha auténtica comunidade educativa que dá estímulos á participación, ao compromiso, á interacción e á comunicación de tódolos axentes implicados no proceso educativo, con especial atención ás familias. Así mesmo, a rede quere adaptarse ás novas demandas da sociedade, introducindo servizos complementarios orientados a que a conciliación das familias sexa unha realidade cada vez máis posible.

Na busca da excelencia, as galescolas dispoñen, ademais, dunha completa oferta educativa e pedagóxica para os máis pequenos que vén avalada polo Plan de Calidade e Mellora Pedagóxica 2006-2009, cun investimento que supera os 8,5 millóns de euros. A secretaría xeral de Igualdade, Carme Adán, explicou que o Plan de Calidade na educación de 0 a 3 anos ten como unha das súas liñas estratéxicas desenvolver un proxecto educativo de cada centro, ao tempo que pretende impulsar a calidade do servizo, potenciando a participación dos usuarios. Coa aplicación deste plan, sinalou Adán, refórzase o proceso formativo e de recoñecemento profesional, ao tempo que se garante a inclusión das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), non só coa súa introdución nas aulas, senón tamén con iniciativas innovadoras como é a creación dun portal educativo, www.galescolas.net

Segundo explicou a secretaria xeral, o proxecto educativo das Galescolas, en cuxa elaboración participa activamente todo o persoal do centro, está dirixido a unha infancia protagonista tanto na construción dos coñecementos e no seu desenvolvemento e presta especial atención tanto ao contorno do menor coma ao deseño dos espazos, de xeito que se propicie un ambiente educativo amable, acolledor e estético que responda ás necesidades de nenos e nenas e dos profesionais.

A organización do tempo é outros dos sinais do modelo de calidade que van a impoñer as galescolas: 35 das 39 horas semanais da xornada laboral do persoal destes centros dedicaranse á atención directa dos nenos. As restantes, o 10%, irán destinadas á preparación e formación continua de persoal así como ás titorías coas familias e a preparación do material didáctico. Cúmprense así os obxectivos fixados pola Rede de Atención á Infancia da Comisión Europea, que recomenda que unha décima parte da xornada laboral se centre na formación do equipo docente.

Xunto á importancia dos contidos, cobra relevancia a dotación en material pedagóxico e didáctico, así como os recursos de apoio. Ao respecto, no acto de hoxe presentouse tamén a roupa de traballo dos educadores e os mandilóns dos que gratuitamente disporán a partires do próximo mes todos os nenos e nenas que asistan ás galescolas. O seu deseño é resultado dun concurso de ideas convocado pola SX de Igualdade. Un instrumento funcional, práctico e necesario que ademais permitirá identificar de forma sinxela á rede pública, contribuíndo á creación dunha identidade corporativa propia.

Aposta polo público

Finalmente, Quintana puxo de relevo que a Vicepresidencia segue dando pasos no seu compromiso coa infancia, a través dunha estratexia que se apoia no público como garantía dos dereitos. Xunto a configuración dunha rede galega de escolas infantís baseada na innovación e na mellora continua –a Rede Galescola–, a Vicepresidencia está destinando importantes recursos a apoiar ás administracións locais na creación e apertura de novos centros de atención aos máis pequenos. Nos primeiros dous anos de goberno, os investimentos na creación, dotación e mantemento de infraestruturas socioeducativas para os máis pequenos teñen dado un salto significativo, experimentando un incremento de 5 millóns de euros por ano. Así pasamos dos 25,9 millóns de euros investidos en 2005 aos 35,7 millóns no presente ano, o que supón un aumento do 38%. Só no relativo á construción e equipamento de novos centros, Galiza ten pasado de investir 7,6 millóns anuais en 2005 aos 10,7 millóns da actualidade, un 40% máis. Para o vicepresidente, “as cifras mandan e demostran a aposta da Vicepresidencia polo público”: “O número de escolas de titularidade pública creadas entre 2005 e 2007 incrementouse nun 69%, pasando das 107 na nosa chegada ao goberno, aos 181 centros cos que Galiza conta na actualidade”, indicou.

Así mesmo, salientou que a distribución destes equipamentos sociais no mapa galego “demostra o noso compromiso coa Galiza interior”, a confianza no papel dos servizos sociais para darlle a volta ás tendencias da falla de oportunidades. Sobre isto, indicou que nestes dous primeiros anos de goberno, o incremento no número de centros públicos ten acadado nas provincias de Lugo e Ourense valores espectaculares, do 100% e do 190% respectivamente. Traducido a prazas dispoñibles, este empeño ten permitido incrementar a oferta de prazas nos centros de titularidade pública, pasando das 6.101 en 2005 ás 9.325 ofertadas nestes intres, o que supón un aumento do 53%.
R.