Skip to main content

Un centenar de expertos se reúnen en el Cetmar para analizar la amenaza de la Perkinosis en el marisqueo

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos de la Xunta de Galicia:

A directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, Fátima Linares Cuerpo, inaugurou o “Taller Internacional de Análise do Impacto da Perkinsose sobre o secto marisqueiro de Europa”, que acolle o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería de Pesca, ata o venres, día 14. Trátase dun grupo internacional que estudará o impacto desta enfermidade parasitaria sobre o marisqueo, xa que afecta a varios moluscos entre os que se atopan as especies de ameixa producidas en Galicia. Os parásitos desta doenza poden incidir negativamente no crecemento e a capacidade reprodutiva deste recurso pesqueiro e tamé repercutir sobre a súa taxa de mortandade.

Deste xeito, un centenar de expertos dos cinco continentes, entre produtores, investigadores e representantes da administración, danse cita durante tres xornadas na sede do Cetmar, en Vigo, para debater sobre o desenvolvemento do parásito e a súa interacción co molusco infectado, así como para descubrir os potenciais efectos sobre a industria e as estratexias de control aplicables para mitigalos. Ademais, tratarán de reunir información actualizada sobre a perkinsose e proporán prioridades de investigación e recomendacións para o sector e as autoridades responsables de saúde animal. Todo este material será recollido nunha publicación específica co obxectivo de garantir unha ampla difusión do mesmo.

Esta iniciativa, financiada pola Comisión Europea, a través do Sexto Programa Marco de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, está organizada por investigadores e técnicos do Instituto Francés para a Investigación Mariña (Ifremer), a Universidade de Bretaña Occidental, a Universidade do Algarve e o Instituto Zooprofiláctico Experimental de Venecia, así como polo Instituto de Investigacións Mariñas, dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), e o Cetmar. Pola súa banda, a coordinación é responsabilidade de Antonio Villalba do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) da Consellería de Pesca.

Proxecto de investigación sobre a perkinsose

De xeito paralelo, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través do CIMA, e en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Instituto Andaluz de Investigación e Formación Agraria, Pesqueira, Alimentaria e de Produción Ecolóxica (IFAPA), tamén está a levar a cabo un proxecto de investigación denominado “A perkinsose no litoral español: caracterización das variantes taxonómicas do parásito, no seu ciclo de vida e da resposta inmunitaria do hospedador”.

Este estudo ten por obxectivo determinar se no litoral español existen outras especies non recoñecidas e linaxes xenéticas diferentes desta enfermidade, que requirirían un grao de vixilancia e control diferente. Así mesmo, busca establecer as vías de transmisión da doenza no medio natural, algo importante de cara a implementar estratexias de loita e, tamén, identificar e caracterizar xenes que se expresan e proteínas cuxa síntese se induce na resposta inmune da ameixa fronte á perkinsose.

Os parásitos do xénero “perkinsus”, que xeran esta doenza, están presentes nos cinco continentes e , en moitos casos, provocan unha alta mortandade dos moluscos. De feito, no litoral español xa se teñen identificado dúas especies deste parásito que afectan a algunhas especies de moluscos con interese comercial. Deste xeito, a trascendencia económica que supón a presenza da perkinsose fixo necesaria a toma de medidas a nivel internacional para impedir a súa expansión e mitigar os seus efectos, e este foi o motivo que levou aos investigadores do CIMA, a USC e o IFAPA a poñer en marcha este proxecto.
R.