Skip to main content

Emigración crea ayudas al retorno para casos de necesidad por crisis en los países de acogida

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Secretaría Xeral de Emigración:

A Secretaría Xeral de Emigración aprobou a creación dunha liña de axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados e a os seus familiares coas que busca estar en disposición de intervir sobre aquel tipo de retorno que pode vir condicionado por feitos e circunstancias imprevisibles derivados da evolución socioeconómica dos países de acollida dos galegos no exterior, dando lugar a unha volta a Galicia que pode ser considerable en número e que se caracteriza máis pola vontade de abandonar o país da emigración que de asentarse e retornar a Galicia.

A difícil situación persoal e económica na que poden atoparse estas persoas retornadas á Comunidade Autónoma galega, fai preciso, para estes casos excepcionais, que a cobertura das súas necesidades básicas se faga o máis urxente, áxil e rápido posible, polo que é necesario adaptar a Resolución do 30 de marzo de 2007, na que se contemplan as axudas xerais aos retornados, para poder prever estas situacións.

No suposto de situacións imprevistas nos países de orixe que supoñan retornos excepcionais de galegos no exterior a Galicia, a Secretaría Xeral de Emigración poderá ditar unha resolución na que se determinen os beneficiarios segundo país ou países de procedencia. Nestes casos concederase un anticipo do 50 % das axudas previstas, achegando xunto coa solicitude, debidamente cumprimentada, a documentación establecida. O restante 50 % achegarase logo da presentación e verificación da documentación prevista. A modificación da Resolución do 30 de marzo de 2007 será publicada en breve no Diario Oficial de Galicia.
R.