Skip to main content

Pesca participa en la Feria Alimentaria Anuga 2007 de Colonia

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos de la Xunta de Galicia:

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos participa na Feira Alimentaria Internacional Anuga 2007, que se celebra en Colonia (Alemaña) ata o día 17 de outubro. Así mesmo, o departamento que dirixe Carmen Gallego estará presente no IV Salón de Denominacións de Orixe e Delicatessen, que ten lugar no Instituto Feiral de Vigo entre o 15 e o 17 de outubro.

Na cita alemana, na que participan 6.300 empresas de distintos países, Pesca presenta un stand institucional de 160 metros cadrados, onde os asistentes poden degustar produtos do mar galegos e obter información sobre algunhas das iniciativas que se están a levar a cabo dende o departamento autonómico. Deste xeito, a Consellería dá cobertura de espazo e loxística a un total de dez empresas galegas do sector transformador e conserveiro que asisten este ano como coexpositores a este evento de referencia mundial e onde se agarda a visita de 159.000 profesionais.

Anfaco, Fesba, Fribal, Hijos de Carlos Albo, Industrias Cerdeimar, Lugar da Santiña, Modesto Carrodeguas, Orbe, Porto de Celeiro e Portomuiños son as asociacións e compañías que amosan en Colonia a súa oferta baixo o paraugas do stand da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Por outra banda, o departamento que dirixe Carmen Gallego tamén estará presente a partires deste luns no IV Salón de Denominacións de Orixe e Delicatessen de Vigo, nesta ocasión cun stand de 100 metros cadrados. Neste espazo, os asistentes á mostra gastronómica poderán degustar produtos como a volandeira e o mexillón de Galicia, recentemente coroado coa Denominación de Orixe Protexida. A Confraría de Cangas e o Consello Regulador do Mexillón colaborarán nesta iniciativa.

Aproveitando a súa participación neste encontro, presentarase aos profesionais da restauración a marca de calidade da pesca artesanal galega “PescadeRías”, un distintivo que está a impulsar a Consellería de Pesca dende fai meses e que sairá ao mercado o vindeiro ano. Esta presentación terá lugar o día 15 de outubro ás 18.00 horas na sala de conferencias do Ifevi.
R.