Skip to main content

Emigración pone en marcha el programa Volver á Terra

Nota de prensa remitida por la Secretaría Xeral de Emigración de la Xunta de Galicia:

A Secretaría Xeral de Emigración, en execución do programa Volver á Terra, promove o reencontro de 131 galegos e galegas emigrantes coa súa terra natal e coa súa familia. Este programa ten como obxectivo que os participantes redescubran as súas raíces, tanto de tipo cultural como social, entrando en contacto coa realidade actual do seu país de orixe e propiciando actividades que posibiliten o coñecemento da Galicia actual, o encontro coas súas propias familias e o intercambio de experiencias co resto dos participantes.

Os 131 participantes da actual edición proceden de Arxentina, Brasil, Cuba, Uruguai e Venezuela, sendo o primeiro país o que máis galegos aporta ao programa, cun total de 74 beneficiarios. A continuación están Uruguai con 35, Brasil con 10, Venezuela con 6 e Cuba con 6. Todos os asistentes teñen máis de 60 anos. Os maiores son dous participantes que contan con 88 anos e residentes en Arxentina. Polo que se refire ao tempo da ausencia da terra, cabe destacar que todos eles levan máis de 15 anos fóra de Galicia. O requisito para participar no programa é ter máis de sesenta anos e non ter participado nos últimos quince nun programa de vaixes da Secretaría Xeral. A idade media dos beneficiarios é de setenta anos.

Todo os asistentes son galegos e nados nun total de 92 concellos que se reparten polas catro provincias. Atendendo aos lugares de nacemento, o 32% son orixinarios da provincia de A Coruña, o 29% de Pontevedra, 19,5% de Lugo e outro 19,5% de Ourense.

Tres meses de estadía

O programa desenvolverase ao longo de tres meses e terá dúas fases diferenciadas. A primeira delas consistirá nunha estadía de dúas semanas na Residencia de Tempo Libre de O Carballiño en réxime de pensión completa, desenvolvendo actividades recreativas e culturais axeitadas aos participantes e con excursións, en transporte colectivo, a distintos lugares para un coñecemento de Galicia. En canto á segunda fase, esta consiste nunha estancia cos seus familiares de Galicia ata completar un tempo máximo de tres meses.

O programa Volver á Terra é o resultado dunha colaboración entre a Secretaría Xeral de Emigración e a Vicepresidencia de Igualdade e do Benestar. A Secretaría Xeral de Emigración compételle a programación xeral, convocatoria, publicidade e execución do programa; a difusión do programa e recepción das solicitudes; a selección dos beneficiarios; o financiamento da viaxe e posterior regreso ao país de residencia e a atención, seguros, animación e programación de actividades durante a estadía na residencia de tempo libre. Á Vicepresidencia de Igualdade e do Benestar correspóndelle o aloxamento e mantenza dos participantes durante a estadía na residencia de tempo libre do Carballiño e a colaboración na realización de actividades.

Chegada dos beneficiarios

Os participantes de Arxentina teñen prevista a súa chegada ao aeroporto de Santiago o luns, día 5 de novembro, ás 09,00 horas. Os de Cuba, o día 5, ás 17.00 horas. Os de Uruguai, o día 5, ás 12.45 horas. Os de Venezuela, o día 6, ás 18.50 ao aeroporto de Vigo. Os de Brasil, unha parte o día 5, ás 09.00 a Santiago, e outra o día 6, ás 12.45, ao mesmo aeroporto.
R.