Skip to main content

Pesca modifica la orden sobre el tamaño de las especies pesqueras y marisqueras

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos de la Xunta:

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Orde do 29 de outubro de 2007 pola que se fixa nun quilogramo o tamaño mínimo do polbo capturado en augas galegas. Deste xeito, o departamento que dirixe Carmen Gallego modifica a Orde do 15 de novembro de 1992 que regula as tallas mínimas de extracción e comercialización de diversas especies de peixes, moluscos, crustáceos e equinodermos.

Segundo a normativa recollida no DOG do pasado mércores 7 de novembro, modifícase a epígrafe referida a cefalópodos do anexo II da Orde de 1992, establecéndose o tamaño do polbo nun quilo, mentres que as restantes especies recollidas nese apartado (lura, choco e choquiño) manteñen a mesma talla.

Este cambio enmárcase no Plan zonal experimental de captura do polbo, aprobado pola Dirección Xeral de Recursos Mariños, mediante a Resolución do 29 de xuño de 2007 e logo de consultar ás organizacións sectoriais e tendo en conta os diferentes informes técnicos. O devandito Plan estará vixente ata o 31 de decembro de 2009 e recolle tanto as medidas de xestión da pesca como as específicas de control e seguimento, entre as que se atopa o peso mínimo.

Cabe lembrar que a finais do pasado mes de xuño o director xeral de Recursos Mariños, Antonio García Elorriaga, mantivo unha xuntanza con representantes da Federación Galega de Confrarías e das provincias, así como coa Asociación de Armadores de Galicia Asoar-Armega. Nese encontro, acordáronse cuestións relativas a tallas mínimas, topes de captura, horario de traballo e calamento das nasas, así como o período de veda de dous meses para o ano 2008, que quedou fixado entre o 9 de maio e o 7 de xullo nos tres plans zonais.

O feito de fixarse o tamaño mínimo do polbo capturado en augas galegas nun quilo durante todo o ano supón incrementar en 250 gramos o peso dos exemplares que se poden pescar no período de novembro a abril con respecto á campaña pasada, xa que naquel entón a talla mínima estaba fixada en 750 gramos.

No que atinxe ao tope de captura mantéñense as cantidades da anterior tempada e determinouse que no período de maio a outubro será de 40 quilogramos por embarcación e día e 40 quilos máis por cada tripulante enrolado a bordo. Pola súa banda, entre novembro e abril o tope máximo será de 200 quilos por embarcación á semana máis 200 kilos por cada tripulante.

Así mesmo, o horario no que os pescadores poderán capturar polbo quedou marcado entre as 06.00 horas e as 18.00 horas, de luns a venres e só nos plans zonais da Costa Cantábrica (comprendida entre Monte Campelo e o río Eo) e da Costa Noroeste (ao sur de Cabo Silleiro e desde Corrubedo a Monte Campelo) terán permitido deixar as nasas caladas durante a fin de semana. No plan das Rías Baixas (dende o norte de cabo Silleiro ata Corrubedo ) os aparellos deben regresar a terra todos os días.
R.