Skip to main content

Pesca destinará más de 800.000 euros al Plan de Recuperación de la Ría do Burgo

Nota de prensa remita por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos de la Xunta de Galicia:

O Consello da Xunta autorizou a sinatura de dous convenios de colaboración entre a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e a Confraría de Pescadores da Coruña, mediante os que o departamento que dirixe Carmen Gallego achegará un total de 807.550 euros para o plan de recuperación da Ría do Burgo. Nestas accións estarán implicados tanto mariscadores a pé como a flote do devandito pósito e a partida financiarase con cargo aos Orzamentos Xerais de Galicia e será susceptible de ser cofinanciada polo Fondo Europeo de Pesca (FEP).

Así, o Goberno galego deu o seu visto e prace á subscrición dunha addenda que amplía e prorroga o protocolo que xa puxeron en marcha Pesca e a confraría coruñesa en marzo deste ano e que afecta ás mariscadoras a pé. Ademais, o Consello autorizou un novo convenio entre o departamento que dirixe Carmen Gallego e o devandito pósito para a realización do plan de recuperación produtiva do marisqueo a flote na Ría da Pasaxe en 2008.

Estas actuacións forman parte das iniciativas que está impulsando a Consellería de Pesca para paliar a diminución de ingresos á que se ven abocados os traballadores do mar en varias rías galegas pola clasificación das súas zonas de produción de moluscos bivalvos como “C”, o que lles impide comercializar en fresco o recurso extraído nestas áreas.

Addenda do convenio que afecta aos mariscadores a pé

En relación á addenda, cabe sinalar que, por unha banda, amplía en 58.327,58 euros o importe recollido no convenio subscrito o 9 de marzo de 2007 (1.151.462,40 euros) para o desenvolvemento das actividades previstas ata finais de decembro á vista dos traballos pendentes. Por outra banda, supón a prórroga do protocolo asinado o pasado mes de marzo ata o 30 de xuño do próximo exercicio.

As actuacións que a confraría se compromete a realizar, mediante a participación das mariscadoras a pé, son: acondicionamento e rexeneración dos bancos marisqueiros, vixilancia e accións formativas. No primeiro punto, as mariscadoras levarán a cabo a limpeza de mexillón nos bancos que están sendo invadidos por esta especie, así como de restos antropóxenos (madeiras, ferros, plásticos,...); acondicionarán o substrato nos bancos do intermareal; farán achegas de area; accións de semicultivo, e desenvolverán traslados de marisco.

En canto á vixilancia, a presenza das patrullas de mariscadoras na Ría durante a baixamar considérase moi importante como efecto disuasorio e unirase ás tarefas neste eido do Servizo de Gardacostas, das forzas e corpos de seguridade do Estado e dos vixilantes da confraría. Pola súa banda, a actividade formativa proposta céntrase na realización dun curso completo de recolector de algas.

Ademais, o pósito comprométese a programar e distribuír os traballos, así como o seu efectivo desenvolvemento; facer un seguimento xunto coa Consellería das accións; e proporcionarlle ao departamento autonómico a información que sobre as actuacións contempladas no convenio lle sexa requirida.

Para estas accións Pesca destinará 574.861,20 euros que serán aboados unha vez se vaian realizando os traballos e a Confraría vaia presentado a documentación exixida. O plan de traballo prevé 10 días mensuais de actividade, con quendas de catro horas (dúas antes e outras dúas despois da baixamar) e polos cales cada mariscadora percibirá 82 euros por xornada, mentres que o pósito percibirá por parte de Pesca un cinco por cento do importe das tarefas de cada mes polo seu labor de coordinación e control dos traballos.

Convenio cos mariscadores a flote

A clasificación da Ría do Burgo como zona “C” tamén afectou aos mariscadores a flote que non puideron comezar a campaña extractiva e que coa finalidade de paliar os efectos da inactividade tamén asinaron un convenio coa Consellería de Pesca o pasado 2 de novembro, que estará vixente ata o final deste mes.

En vista da proximidade desta data e dos resultados do seguimento da calidade das augas considérase conveniente consensuar unha nova proposta de actuación. É por isto que o departamento autonómico e a Confraría coruñesa subscribirán un novo protocolo, con vixencia ata o 30 de xuño de 2008, para a realización do plan de recuperación produtiva do marisqueo a flote, que contará cunha achega da Consellería de 174.361,22 euros.

Ao abeiro deste convenio, os mariscadores a flote terán que desenvolver tres tipos de actividades: limpeza de mexillón e restos antropóxenos na canle da autorización marisqueira; acondicionamento desas áreas unha vez queden limpas; e traslados de ameixa babosa dende a canle de autorización ata a de libre marisqueo e o banco do Parrote, sempre que o aconsellen os ditames dos biólogos da Consellería.

Neste caso proponse un plan de traballo de 48 días, que se desenvolverá preferentemente entre os meses de xaneiro e abril, percibindo cada traballador 82 euros por cada xornada, mentres que o pósito percibirá por parte de Pesca un cinco por cento do importe das tarefas de cada mes por actividades de xestión e control dos traballos.
R.