Skip to main content

Pesca firma un convenio para la gestión de las ayudas de mínimis que recibirá Galicia

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia:

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, acompañada polo director general de Estructuras y Mercados Pesqueros do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA), Ignacio Gandarias Serrano, asinou coas entidades colaboradoras o convenio de cooperación para a xestión das axudas temporais ao sector pesqueiro de cara ao mantemento da competitividade nesta actividade, acollidas ao réxime de “mínimis”.

Nun acto celebrado en Santiago de Compostela, a titular de Pesca reuniuse coa práctica totalidade das asociacións e organizacións do sector que son consideradas organismos colaboradores na xestión das axudas de “mínimis”, asinando o convenio con cada unha delas, un documento que tamén deberá ser ratificado pola ministra de Agricultura, Pesca y Alimentación, Elena Espinosa. Este protocolo estenderá a súa vixencia dende a data de sinatura ata seis meses despois da realización da última entrega de fondos efectuada aos beneficiarios.

Segundo o documento rubricado, o MAPA porá a disposición das comunidades autónomas e das entidades unha aplicación informática para facilitar a xestión coordinada das subvencións. Ademais, financiará a compensación económica que recibirá cada un dos organismos cooperadores, que equivale ao un por cento do importe dos fondos que distribúan en concepto de axudas de “mínimis”.

En canto ás obrigas da Administración pesqueira galega, serán tramitar as subvencións mediante a ferramenta informática posta a disposición polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, así como xestionalas a través das entidades colaboradoras que subscriben o convenio.

Pola súa banda, os organismos colaboradores serán os encargados de recibir e rexistrar, en nome e por conta do Ministerio e do Goberno galego, as solicitudes que reciban aínda que correspondan a particulares que non sexan membros desas asociacións. Así mesmo, comprobarán e acreditarán a autenticidade da documentación que acompaña as peticións e que o solicitante cumpre cos requisitos necesarios para ter a condición de beneficiario. Entre as obrigas destas asociacións e organizacións do sector tamén están, entre outras, introducir os datos das solicitudes na aplicación informática e confirmar a autenticidade das facturas presentadas polos beneficiarios así como acreditar as copias deses recibos.

Ademais, seranlle transferidas, dende o MAPA ou o órgano competente das autonomías, as cantidades correspondentes ás axudas cuxos pagos van xestionar, con cargo á aplicación orzamentaria fixada para este concepto. No suposto de xestión centralizada por unha entidade de ámbito territorial superior, esta distribuirá os fondos entre as confrarías e asociacións en función das peticións que cada unha tramitou. Neste eido, cabe sinalar que a entrega do importe correspondente a cada beneficiario será nun prazo non superior aos 15 días hábiles dende que as entidades colaboradoras reciban as contías correspondentes.

Cabe lembrar que o pasado 11 de febreiro reunise en Madrid a Conferencia Sectorial de Pesca na que se abordou a proposta de reparto das subvencións. Nesa xuntanza, acordouse a transferencia ás autonomías, por parte do Goberno central, dun 80 por cento do montante global das axudas previstas para o sector pesqueiro de cara ao mantemento da competitividade nesta actividade, recibindo Galicia algo máis de 10 millóns de euros.

Ademais, a Consellería de Pesca chegou a un acordo coas entidades colaboradoras para que, a través de entidades financeiras, os solicitantes poidan recibir un anticipo das subvencións, correndo por conta do departamento autonómico os intereses que orixinen os devanditos adiantos. A importancia desta medida radica en que os beneficiarios non cobran as axudas de xeito inmediato cando se presentan as solicitudes posto que o cumprimento dos trámites administrativos require un certo tempo.

O convenio asinado dá continuidade ao proceso iniciado no mes de xaneiro coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da Orde do 11 de xaneiro de 2008 pola que se establece, na nosa Comunidade Autónoma, o procedemento para solicitar as axudas de “mínimis”. Segundo esa normativa, poden beneficiarse destas subvencións os armadores de pesqueiros pertencentes á terceira e cuarta lista do Rexistro de Matrícula de Buques que reúnan diversas condicións, como ter o domicilio fiscal da empresa en Galicia ou estar en situación de alta no Censo de Flota Pesqueira Operativa da Secretaría General de Pesca Marítima do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación.
R.