Skip to main content

Las universidades gallegas impartirán 105 títulos enmarcados en los Programas Oficiales de Posgrado en el curso 2008-2009

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, presidiu a xuntanza do Consello Galego de Universidades. Durante esta reunión, o Consello Galego de Universidades autorizou a posta en funcionamento para o curso 2008/09 de 34 novos títulos enmarcados nos Programas Oficiais de Posgrao, dos cales 28 son másters e 6 son doutoramentos. Estes novos títulos sumaranse aos 71 que xa se están impartindo nas universidades galegas, conformado un total de 105 títulos de posgrao adaptados a Europa.

A conselleira de Educación indicou que proximamente, mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, autorizarase a implantación destes estudos oficiais de posgrao na Comunidade galega. Neste senso, Sánchez Piñón salientou que os estudos de posgrao, en consonancia coas liñas xerais emanadas do Espazo Europeo de Educación Superior, teñen como finalidade a especialización do estudante na súa formación académica, profesional ou investigadora. Ademais, a máxima responsable da Administración educativa autonómica referiuse á relevancia dos estudos europeos de posgrao como un dos principais elementos para reforzar a educación superior europea no contexto internacional e a acreditación dos estudos para asegurar un nivel de calidade adecuado.

Outro dos asuntos abordados durante a xuntanza do Consello Galego de Universidades foi, tamén dentro do proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, o anuncio recente da ministra de Educación e Ciencia, Mercedes Cabrera, da presentación por parte das universidades españolas dos primeiros 207 plans de estudo de títulos adaptados a Europa. Así, a conselleira de Educación indicou que 5 destes títulos corresponden a universidades galegas: Terapia Ocupacional e Socioloxía, da Universidade da Coruña; Ciencia Política e da Administración e Matemáticas, da Universidade de Santiago de Compostela; e Belas Artes, da Universidade de Vigo. Sánchez Piñón trasladoulles aos membros do Consello Galego de Universidades que estes títulos foron remitidos polas universidades á Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANECA), que nun prazo de 3 meses avaliará e verificará a calidade dos estudos como requisito previo imprescindible para a implantación dos títulos, de xeito que as que obteñan unha avaliación positiva poderán impartirse xa no próximo curso 2008/09, dous cursos antes do prazo fixado para a implantación do EEES en España, que se sitúa en outubro de 2010.

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria salientou que este feito confirma o compromiso das universidades galegas no proceso de cambio e reforma que emprendeu o SUG, destacando que as tres institucións galegas están facendo unha aposta seria e rigorosa no camiño da construción do Espazo Europeo de Educación Superior.

Sánchez Piñón indicou como outro dos puntos tratados na xuntanza de hoxe a proposta da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) de cambio do calendario actual das universidades. Con respecto a isto, a conselleira de Educación subliñou a conveniencia dun estudo profundo desta iniciativa sempre coa continua coordinación entre as universidades e entre estas e a Administración educativa.
R.