Skip to main content

El Ayuntamiento de Santiago de Compostela homenajea a ocho mujeres investigadoras

Nota de prensa do Concello de Santiago de Compostela:

O Hostal dos Reis Católicos acolleu o acto de homenaxe que o Concello dedicou a oito mulleres, dentro dos actos de conmemoración do Día Internacional da Muller, celebrado o 8 de marzo. Quíxose así facer visible o labor destas mulleres na xeración de coñecemento e por de relevo a cada vez maior presenza feminina en postos de relevancia.

Nun acto presentado pola xornalista Irene Lourido e amenizado musicalmente pola soprano Aída López e o pianista Luis Martínez, as oito mulleres foron as protagonistas. Delas leuse o seu extenso currículum e elas expresaron o seu agradecemento e reivindicacións como mulleres. Todas elas son exemplo de superación e progreso, ata situarse no plano máis alto do recoñecemento nacional e internacional nos seus ámbitos profesionais: a filosofía, a literatura, o dereito, a comunicación, a psicoloxía, a economía ou a xeografía humana.

A primeira en recoller a súa distinción foi María Xosé Agra Romero. A continuación foron pasando, por esta orde, Dulce Estefanía Álvarez, unha representante de María Paz García Rubio, Margarita Ledo Andión, Ángeles Luengo Martín, María Xosé Rodríguez Galdo, Margarita Santos Zas e Montserrat Villarino Pérez. Os agasallos foron entregados pola conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón; polas ex-concelleiras da Muller Mar Bernal, Adelaida Negreira, Encarna Otero e Tilde Rodríguez; polo reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro; pola concelleira da Muller, Mar Martín,; e polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo.

Foi precisamente o rexedor municipal o encargado de pechar o acto, agradecéndolles o seu esforzo e dedicación e por terse convertido nunha valiosa referencia para todas as mulleres que estudan na Universidade de Santiago. Ademais, expresou a necesidade de seguir facendo esforzos en políticas de igualdade e o seu desexo de que, algún día, a reivindicación necesaria do Día da Muller Traballadora se converta nunha celebración por esa igualdade conseguida entre homes e mulleres.
R.