Skip to main content

El Programa Activa ofrece ayudas específicas para fomentar la contratación de 4.000 desempleadas

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A Consellería de Traballo acaba de poñer en marcha o Programa Activa cunha liña de subvencións específica para potenciar a contratación de 4.000 mulleres desempregadas. Este programa inclúe medidas de formación, orientación, e de mellora da ocupabilidade, así como incentivos á contratación. Para este último apartado, o departamento que dirixe Ricardo Varela xestionará un presuposto de máis de 16 millóns de euros ao longo de 2008.

O obxectivo do Programa Activa é incrementar a participación das mulleres no mercado laboral, incorporando ás inactivas e ás paradas ao mesmo, de cara a achegar o índice de mulleres afiliadas a un nivel similar ao dos homes. Neste programa establécense as medidas que teñen como obxectivo a incorporación de mulleres inactivas e paradas ao mercado laboral.

Este programa está incluído no Plan Aurora de Emprego Feminino, posto en marcha pola Consellería de Traballo o pasado mes de febreiro. Entre os retos deste plan figuran promover a incorporación de máis mulleres ao mercado laboral, incrementar a calidade do emprego feminino, incorporar mulleres a profesións nas que están subrepresentadas e garantir a igualdade na negociación colectiva.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado 16 de abril a orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación indefinida das mulleres, como medida para lograr un mercado de traballo igualitario.

A través desta orde a Consellería de Traballo establece axudas ás contratacións indefinidas iniciais e axudas á transformación en indefinidos de contratos doutra modalidade (temporais, para a formación, en prácticas, de substitución por anticipación da idade de xubilación e de interinidade), sempre que a muller sexa maior de 31 anos.

No caso das contratacións indefinidas o importe da subvención será de 7.500 euros, cando se contrate a desempregadas incluídas nalgún dos colectivos anteriores. No suposto de que non pertenza a ningún dos colectivos, a axuda será de 2.000 euros, agás no caso das desempregadas que procedan de empresas en crise, cando o importe será de 7.500 euros. Por outro lado, a transformación de contratos doutra modalidade en indefinidos incentivarase cunha axuda de 3.000 euros.

A convocatoria deste tipo de axudas responde ao obxectivo de integrar o principio de igualdade na política de emprego da Xunta de Galicia. Neste senso, este documento recolle o establecemento de medidas de discriminación positiva en favor do sexo menos representado no mercado laboral.

No marco das políticas activas de emprego promovidas polo Goberno galego, os incentivos á contratación por conta allea configúranse como un instrumento para facilitar o acceso e permanencia no emprego aos colectivos de traballadores con maiores dificultades. Ademais, supoñen unha ferramenta para fomentar a estabilidade laboral das novas contratacións e dos cadros de persoal das empresas de Galicia.

Tal e como se recolle no texto da orde, na programación de incentivos para o presente ano, o colectivo feminino segue a ser un dos grupos especialmente atendidos no conxunto de axudas á contratación indefinida. A finalidade é poñer a disposición das mulleres galegas medidas activas que favorezan a súa inserción no mercado de traballo, a súa representación equilibrada en todas as profesións e sectores de actividade, así como unha maior participación na taxa de actividade e de ocupación.

O colectivo destinatario destas axudas son as mulleres maiores de 31 anos, rexistradas como demandantes de emprego nas oficinas do Servizo Público de Emprego e sempre que se atopen nalgunha das seguintes circunstancias: mulleres desempregadas de longa duración; desempregadas titulares de familias monoparentais, que teñan cargas familiares; paradas de unidades familiares nas cales ningún dos seus membros en idade laboral obteña rendas superiores ao 75% do IPREM (Índice Público de Renda a Efectos Múltiples).

Tamén se consideran destinatarias desta liña de subvencións as mulleres que sexan contratadas en profesións ou ocupacións nas que se atopen subrepresentadas, paradas que se reincorporen ao mercado de traballo tras unha ausencia prolongada dun mínimo de dous anos e as mulleres que sexan contratadas nos 24 meses seguintes a ser nais.

Ademais, tamén será subvencionable a contratación de desempregadas demandantes de primeiro emprego, emigrantes retornadas, así como aquelas demandantes de emprego que rematen o seu itinerario personalizado de inserción laboral nunha ocupación e sexan contratadas nesta.

Os destinatarios deste programa de axudas son as empresas que contraten por conta allea ás traballadoras pertencentes a estes colectivos. Tamén están incluídos os autónomos, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica.

Cómpre destacar que non poderán ser beneficiarias destes incentivos as administracións públicas e as sociedades públicas, nin as entidades vinculadas ou dependentes destas.

As entidades interesadas en acollerse a este tipo de subvencións poderán solicitalas nos dous meses seguintes á data na que se inicie a relación laboral, pero o prazo de admisión de solicitudes remata o 15 de setembro. Cómpre sinalar que aquelas contratacións que se fixeran dende o 16 de setembro de 2007 ata hoxe deberán presentar a solicitude antes do vindeiro 31 de maio deste ano.

As empresas interesadas poden consultar información e descargar as solicitudes e os anexos deste programa de axudas na páxina web da Consellería de Traballo (http://traballo.xunta.es).

R.