Skip to main content

Pesca colaborará con Oceana en la investigación de los fondos marinos de Galicia

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos de la Xunta de Galicia:

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, acompañada polo director xeral de Recursos Mariños, Antonio García Elorriaga, mantivo en San Caetano un encontro co director de Oceana en Europa, Xavier Pastor, e o director de Investigación da devandita organización, Ricardo Aguilar.

No transcurso da reunión, os representantes de Oceana presentaron á Conselleira os seus plans para levar a cabo, nos próximos meses, investigacións dos fondos mariños de Galicia e do Cantábrico. Estes traballos levaranse a cabo, previsiblemente no vindeiro mes de xuño, a bordo do catamarán Oceana Ranger mediante a utilización de mergulladores e un robot submariño con capacidade de inmersión de ata 300 metros.

Carmen Gallego e Antonio García Elorriaga amosaron o apoio da Consellería de Pesca a esta iniciativa, polo cal porán a disposición da organización mariña os medios marítimos dos que dispón o Servizo de Gardacostas. Pola súa banda, toda a información que se obteña no marco desta campaña de investigación será trasladada ao departamento autonómico de Pesca.

Ademais, os representantes de Oceana mostraron o seu apoio á recente creación da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro “Os Miñarzos”, en Lira, e expuxeron a necesidade de declarar novas áreas de protección ao longo da presente lexislatura para cumprir cos convenios internacionais, como a Convención de OSPAR para a conservación do Nordeste Atlántico, e o Convenio pola Conservación da Biodiversidade de Nacións Unidas.

Neste sentido, a titular de Pesca e o director xeral de Recursos trasladáronlle aos representantes de Oceana Europa que a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos está a traballar en dous proxectos para crear dúas novas reservas mariñas en augas galegas, en concreto en Cedeira e Celeiro.

R.