Skip to main content

El Centro Dramático Galego (CDG) presenta su última producción: Estigma

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Cultura de la Xunta de Galicia:

O Salón Teatro de Santiago acolle o día 2 de maio, ás 21:00 horas, a estrea de Estigma, espectáculo resultado do proxecto de dramaturxia residente no Centro Dramático Galego (CDG) DramA3, iniciado no verán de 2007 como exercicio de escritura a tres bandas a cargo dos autores Jacobo Paz, Vanesa Sotelo e Rubén Ruibal, último Premio Nacional de Literatura Dramática. A montaxe permanecerá en Compostela até o 18 de maio para continuar despois cunha xira por 9 localidades galegas: Tui, Narón, O Barco, Vigo, Ribadeo, Ferrol, Vilagarcía, A Coruña e Ribadavia.

Con Estigma, o CDG culmina o seu plan de produción propia para a actual temporada 2007-2008 e faino coa aposta por un espectáculo en clave de suspense no que participan creadores e intérpretes novos, pertencentes na súa meirande parte á xeración dos 70 e incorporados ao sistema teatral galego.

Dani Salgado, coordinador do proceso de construción literaria, asume tamén a dirección escénica de Estigma, en tanto que Xabier Deive, Xosé Manuel Esperante, Clara Gayo, Vicente de Souza e María Tasende conforman o elenco actoral. Outros membros do equipo artístico que traballan na montaxe son Joan Galí (deseño de espazo escénico, vestiario e atrezzo), Baltasar Patiño (deseño de iluminación), Dolores Centeno (maquillaxe), Alex Rademakers e Francesc Sitges (audiovisual e espazo sonoro) ou Andreu Raich (axudante de dirección e movemento escénico).

Morte, terra e memoria son os elementos que guían esta nova proposta narrada en clave de suspense, un xénero pouco colleitado no ámbito do teatro. A obra, que contén imaxes moi poderosas, traslada un percorrido inquietante e unha visión pouco optimista respecto ao ser humano.

Cada un dos dramaturgos participantes escribiu un acto, compartindo historia, espazo e personaxes, de tal forma que a obra contén tres visións diferentes -segundo a mirada de cada autor- aínda que coherentes.

A trama sitúase na illa de Estigma, un lugar case deserto no que, trala erupción dun volcán, unha muller acabada de chegar investiga unha masacre, dous irmáns enfrontan o destino que levan marcado na pel, a desconfianza aniña no seo dunha parella e do remoto continente chega un descoñecido.

Estigma permanecerá no Salón Teatro até o domingo 18 de maio con cinco funcións semanais: os mércores e xoves celebraranse as representacións concertadas con centros de ensino ás 11.00 horas, mentres que os venres e sábados ás 20.30 horas e os domingos ás 18.00 horas terán lugar as funcións para o público xeral. As entradas poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes do inicio do espectáculo. Tamén poden adquirirse na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros o sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros o domingo, día do espectador.

Tralas funcións en Compostela, o CDG iniciará unha xira con este espectáculo que se prolongará até o mes de xullo e durante a cal será escenificado nas localidades galegas de Tui (Teatro Área Panorámica, 22 e 23 de maio), Narón (Auditorio Municipal, 30 e 31 de maio), O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo, 6 de xuño), Vigo (Centro Cultural Caixanova, 13 e 14 de xuño), Ribadeo (Auditorio Municipal, 20 de xuño), Ferrol (Teatro Jofre, 22 de xuño), Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal, 27 de xuño) e A Coruña (Teatro Colón, 2 e 3 de xullo). A compañía institucional tamén levará a obra á Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia o 20 de xullo. A devandita xira está cofinanciada pola Fundación Caixa Galicia, en virtude dun convenio asinado co IGAEM por valor de 300.000 euros.
R.