Skip to main content

El Gobierno gallego impulsa la incorporación al sector naval de casi 400 desmpleados de las comarcas de Ferrol, Eume y Ortegal

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

Preto de 400 desempregados das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal recibirán formación especializada para impulsar o seu acceso ás actividades vinculadas coa construción naval. A accións formativas desenvolverase ao abeiro do protocolo de colaboración que hoxe firmou o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, coa Administración Xeral do Estado, cos axentes sociais asinantes do Novo Marco de Relacións Laborais en Galicia: Acordo polo Emprego e coa Asociación Impulsora do Plan Ferrol (AIPF).

Os principais obxectivos do Plan de Incorporación ao Sector Naval son satisfacer as necesidades de man de obra cualificada dos estaleiros da zona, facilitar unha saída laboral aos traballadores procedentes de sectores en desaceleración -como o da construción- e propiciar a incorporación das mulleres a unha actividade amplamente masculinizada.

A iniciativa -que se prolongará entre os anos 2008 e 2010- conta para este primeiro exercicio cun orzamento de 2,3 millóns de euros e está composta por un total de 25 cursos, cuxa duración oscilará entre 500 e 1.075 horas. Deles, 12 xa se están a impartir e 13 iniciaranse nas próximas datas. Todas as accións formativas contan cun módulo transversal de igualdade entre homes e mulleres, e están especialmente adaptadas aos requisitos formulados pola empresa Navantia para o persoal propio dos estaleiros e para o das empresas auxiliares do sector naval.

Neste sentido, o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, lembrou na súa intervención que a potenciación do sector naval é, precisamente, unha das medidas recollidas no Plan de Desenvolvemento Integral para as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal 2007-2011. O proxecto -que presentou en marzo de 2007 o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño- ten como finalidade primordial impulsar o cambio da situación socioeconómica neste ámbito territorial.

Para avanzar nese compromiso político, Varela adiantou que o vindeiro luns tamén se constituirá de forma oficial o Pacto Territorial polo Emprego de Ferrol, o que estimulará o incremento, a planificación e a xestión coordinada do conxunto dos recursos públicos que se destinan ao emprego na zona. Con este pacto a Consellería de Traballo crea un órgano colexiado de participación a nivel local, no que por primeira vez están presentes os concellos.

Os 15 Pactos Territoriais de Emprego que se están poñer en marcha en Galicia complementarán o traballo do Comité Autonómico de Emprego e dos Comités Provinciais de Emprego (foros con participación da Administración e dos axentes sociais que se reúnen con carácter periódico para analizar criterios e medidas de emprego).

Por outra banda, o conselleiro de Traballo incidiu no compromiso amosado tanto coa AIPF, como co conxunto do Plan Ferrol. Como proba dese afán de colaboración, Ricardo Varela explicou que, dende o ano 2006, o departamento que dirixe investiu arredor de 1 millón de euros para dotar á Asociación Impulsora do Plan Ferrol dunha Unidade de Promoción e Desenvolvemento (UPD) e varios de axentes de emprego.

Así mesmo, a Consellería de Traballo está a elaborar dúas accións complementarias, unha de caracter xeral e outra para o sector turístico, que permitirán planificar axeitadamente políticas activas cara o vindeiro ano. Para estas dúas iniciativas realizarase unha achega de arredor de 160.000 €.

Resultados do diálogo social en Ferrol, Eume e Ortegal
Ricardo Varela encadrou todas estas actuacións dentro da nova cultura de diálogo cos interlocutores económicos e socias que botou a andar nos tres últimos anos e que deu como resultado, en febreiro do 2007, o Novo Marco de Relacións Laborais en Galicia: Acordo polo Emprego . Subliñou que, froito dese marco de entendemento, se acordaron e se puxeron en marcha políticas concretas que deron os seus froitos dende o primeiro momento.

Así, o conselleiro de Traballo resaltou que en maio deste ano a comarca de Ferrol rexistrou 1.206 parados menos que no mesmo mes de 2005. Este descenso –do 9%- é semellante á media de Galicia. Ademais logrouse multiplicar por dous o ritmo de creación de emprego nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Nos últimos tres anos da anterior lexislatura creáronse 3.146 postos de traballo, mentres que nos últimos tres anos foron 7.469. A cifra supuxo un incremento do 137%, con especial fincapé no emprego industrial.

Investimento estimado para o Centro de Formación de Ferrol
Finalmente, Ricardo Varela aproveitou a súa estancia en Ferrol para realizar un recorrido polo Centro de Formación da cidade, onde se van a impartir 4 dos cursos incluídos no Plan de Incorporación ao Sector Naval.

A Consellería de Traballo colaborará economicamente na reforma e ampliación das instalacións, para o cal en próximas datas se vai encargar unha consultaría co obxectivo de coñecer o estado do edificio e valorar o alcance do proxecto. O departamento que dirixe Ricardo Varela estima que nesta iniciativa se vai investir máis de 1,5 millóns de euros.
R.