Skip to main content

Galicia celebra el 75 aniversario de la radio con un proyecto cultural que pretende recuperar los orígenes y trazar su evolución

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O secretario xeral de Comunicación salientou “a plena vixencia da radio en Galicia” como medio de comunicación. Así o destacou no acto de presentación do proxecto cultural Galicia pola radio, desde os anos trinta á actualidade, iniciativa que pretende conmemorar os tres cuartos de século da radio en Galicia. O proxecto está promovido pola Secretaría Xeral de Comunicación co patrocinio da Fundación Caixa Galicia. Ademais conta coa achega técnica e o asesoramento da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago e a colaboración do Consello da Cultura Galega.

Na súa intervención, Fernando Salgado explicou que o proxecto pretende recuperar as orixes da radio e trazar a evolución do medio na comunidade desde o seu nacemento no ano 1932 ata a actualidade. Neste sentido, indicou que a radio en Galicia “segue a estar viva e actuando como un dos territorios máis fértiles da comunicación.

Galicia pola radio quere homenaxear a un medio esencial de comunicación, pouco recoñecido como obxecto histórico ata o de agora en Galicia, e reavivar a memoria persoal e sentimental dos galegos na súa relación con el. Amosará, ademais, aos máis novos a relevancia histórica e a singularidade da radio, poñendo en valor o patrimonio radiofónico e sonoro propio, que tamén forma parte da historia galega do século XX.

O proxecto desenvolverase en dúas fases: un congreso que se celebrará en novembro deste ano, e unha exposición, prevista para o mes de febreiro de 2009. Ambas as iniciativas levarán por título Galicia pola radio. Dos anos trinta á actualidade.

O congreso, en fase de preparación, desenvolverase o 6, 7 e 8 de novembro na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago. Articúlase como o contrapunto académico á exposición e nel participarán estudosos e profesionais dos distintos medios radiofónicos galegos.

A exposición abrirase ao público en febreiro de 2009 na sede da Fundación Caixa Galicia en Santiago de Compostela. O son radiofónico destes 75 anos de radio en Galicia, para o que se está a desenvolver un labor de localización e recuperación, será o fío condutor da mostra, dividida en cinco grandes seccións cronolóxico-temáticas (os anos 30, a posguerra, os anos 60 e 70, a radio autonómica e a radio actual). Nestas, a través de materiais históricos das emisoras, profesionais e coleccionistas, e de contidos complementarios diversos –fotografía, documentos, bibliografía- amosarase o máis característico da radio que se fixo na comunidade desde os seus inicios.

Os contidos completaranse cun espazo dedicado ao Arquivo Sonoro de Galicia, do Consello da Cultura Galega, así como coa recreación dun estudo de radio dos anos oitenta, antes do inicio da dixitalización do medio. O espazo complementarase cun anexo con tecnoloxía actual para a emisión e realización de programas radiofónicos.

A radio en Galicia naceu un día de xaneiro de 1932 en Santiago de Compostela, anunciada como un medio da modernidade para a cultura e a identidade propias. A primeira emisora foi a actual Radio Galicia. Nos dous anos seguintes xurdiron emisoras na meirande parte das cidades. Desde os anos corenta aparecerían RNE na Coruña e as numerosas emisoras ligadas ao réxime franquista. O inicio dos sesenta foi o das emisoras parroquiais da Igrexa, chegando logo a FM e a radio musical, para a finais dos setenta nacer, tras varios e relevantes intentos anteriores, a actual radio informativa galega, e nos oitenta, as novas emisoras e cadeas autonómicas e de alcance estatal.

Fernando Salgado referiuse ademais aos ano 80 nos que nacen a TVG e a Radio Galega, primeira na que todas as emisións están en galego, “converténdose así nun poderoso instrumento para preservar, promover e difundir a lingua propia”.

No acto, participaron ademais de Fernando Salgado, o presidente do Comité Científico e Catedrático de Comunicación Audiovisual, Xosé Soengas, o comisario da exposición e profesor da USC, Manolo Rodríguez e Teresa Porto, directora da Fundación Caixa Galicia.
R.