Skip to main content

Pesca pondrá en marcha los grupos de acción costera para el desarollo sostenible del litoral

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos de la Xunta de Galicia:

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, acompañada polo seu equipo directivo e polo director-xerente da Fundación Cetmar, Alberto González Garcés, presentou aos representantes do sector pesqueiro galego, así como aos axentes sociais, económicos e públicos das zonas do litoral, o Eixo prioritario nº 4 do Fondo Europeo da Pesca e os Grupos de Acción Costeira (GACs). Para a posta en marcha desta iniciativa, o departamento de Pesca ten previsto un investimento inicial de 40 millóns de euros.

Carmen Gallego quixo destacar neste acto que ante a situación de certa
inquedanza que está a atravesar o sector pesqueiro, motivada polo
incremento do prezo do combustible, a presentación dos Grupos de Acción
Costeira que se van a pór en marcha na nosa comunidade autónoma, supoñen
unha responsabilidade e tamén “unha magnífica oportunidade de transmitir
ilusión e gañas de facer novas cousas”.

Así mesmo, a titular de Pesca recordou que ao principio da lexislatura,
na súa comparecencia ante o Parlamento de Galicia, o seu departamento
marcouse como obxectivo primordial da súa política e dos seus proxectos
ás persoas, “conseguir que os galegos e galegas que se dedican ao
traballo no mar teñan unha vida mellor e unhas mellores condicións
laborais”. Neste sentido, destacou que os Grupos de Acción Costeira
seguen esta liña, ao igual que moitas das iniciativas postas en marcha
pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos nestes tres anos de
Goberno.

O Eixo prioritario nº 4 do FEP, considerado estratéxico, ten por
obxectivo estimular a creación de novas fontes de ingresos sostibles e
dun incremento apreciable da calidade de vida nas comunidades e zonas
pesqueiras. Para iso, é indispensable proporcionar as ferramentas
necesarias a aqueles axentes económicos e sociais que mellor comprenden
os problemas e retos das comunidades pesqueiras co fin de adoptar as
solucións ás súas demandas reais.

Neste sentido, a aplicación deste Eixo está moi avanzado en Galicia, de
feito en breve sairá publicada unha orde pola que se crearán os Grupos de
Acción Costeira nas áreas do litoral galego. Ademais, técnicos da
Consellería de Pesca veñen mantendo xuntanzas co sector pesqueiro, así
como cos axentes económicos, públicos e sociais destas zonas co fin de
animalos a constituír estes grupos.

A responsable de Pesca destacou que o feito de conseguir que participen
nun mesmo proxecto e nunha mesma zona todas as organizacións do sector
pesqueiro, “xa constitúe en sí mesmo un importante reto de aunar
vontades, iniciativas, inquedanzas, nun sector tradicionalmente
organizado e que traballa no entorno dun único porto pesqueiro”. Esta
iniciativa conlevará que as organizacións pesqueiras traballen cun
obxectivo moito máis amplo, e sobre todo, que actúen sobre un ámbito
territorial máis extenso, que os levará á senda da negociación, do
diálogo e do entendemento como alicerces para conquerir os logros que
este novo mecanismo financeiro lles demandará.

Deste xeito, segundo as palabras de Carmen Gallego, o proxecto presentado
hoxe conleva un plus que é que nun mesmo grupo de traballo participarán
os representantes de todos os sectores que conviven nas poboacións
costeiras, co único obxectivo de “mellorar as condicións socioeconómicas
de todos os habitantes das distintas zonas”.

Creación dos Grupos de Acción Costeira

A importancia estratéxica do Eixo prioritario nº 4 do FEP reside en que
cambia o centro de decisión, esixe unha participación activa do sector
pesqueiro, impulsa unha orientación integradora e axuda a dar solucións
aos problemas das poboacións costeiras como o abandono da actividade, a
diversificación da actividade pesqueira, a divulgación e a conservación
do patrimonio mariño e do medio ambiente ou a política de igualdade entre
homes e mulleres.

Ademais, a intención deste Eixo é o desenvolvemento sustentable e a
diversificación económica das zonas de pesca co propósito de mellorar as
condicións de vida dos mariñeiros que alí residen. Do mesmo xeito, esta
iniciativa representa un cambio na filosofía dos fondos comunitarios,
posto que non só inclúe o aspecto económico, senón tamén o social.

No marco dos Grupos de Acción Costeira, priorizarase a creación dun grupo
por cada una das sete zonas costeiras establecidas en Galicia en base a
diferentes criterios de selección como: ser zonas formadas por municipios
dedicados á pesca ou con baixa densidade de poboación. En base a isto
establecéronse a Zona 1 Mariña Lucense e Ortegal, Zona 2 Golfo Ártabro,
Zona 3 Costa da Morte, Zona 4 Seno de Fisterra-Muros e Noia, Zona 5 Ría
de Arousa, Zona 6 Ría de Pontevedra e Zona 7 Ría de Vigo-A Guarda.

Estes grupos estarán formados polo sector pesqueiro, social, económico e
público destas áreas litorais. Para que estes poidan ser elixidos,
deberán presentar un Plan Estratéxico Zonal, o documento base para a
futura execución de proxectos en cada zona, no que se deberá indicar o
peso que se dá a cada unha das medidas que pretendan desenvolver, así
como o cadro financeiro correspondente. Así mesmo, habilitaranse as liñas
de axudas para que entidades, asociacións ou particulares, en cumprimento
dos obxectivos do Plan, poidan presentar e executar proxectos.

Entre os obxectivos que terán que cumprir os Grupos de Acción Costeira,
destacan os de servir aos socios de centro receptor, canalizador e
distribuidor de toda a información relativa ao campo de acción do
desenvolvemento local e rexional, centrándose principalmente na
prospección e coñecemento das dotacións, recursos e proxectos existentes
en cada momento que sexan de interese para eles. Tamén actuarán como
factor de sensibilización das administracións, entidades públicas e
privadas, así como das institucións comunitarias europeas, co obxecto de
poder optimizar o aproveitamento dos recursos endóxenos da zona de cara
ao seu desenvolvemento armónico, equilibrado, sostido e integral. Así
mesmo, fomentarán impulsarán, programarán e colaborarán en actuacións
dirixidas ao fortalecemento da competitividade da zona pesqueira.

Proxecto de Lei de Pesca

Na presentación que tivo lugar en Compostela, Carmen Gallego
fixo tamén especial fincapé en que o Proxecto de Lei de Pesca de Galicia,
aprobado o pasado xoves polo Consello da Xunta, contempla xa dúas
iniciativas totalmente vencelladas aos Grupos de Acción Costeira e ao seu
afianzamento.

No texto normativo aparece regulada a creación da Axencia de
Desenvolvemento Sustentable das Zonas de Pesca e o Turismo Mariñeiro, que
garda unha importante relación coa iniciativa presentada hoxe. Así,
recóllese que a Axencia terá como obxectivos elaborar as estratexias e
plans integrados de coordinación de actuacións de diversa natureza nas
zonas costeiras, difundir as políticas e medidas de desenvolvemento
costeiro; dinamizar e coordinar os Grupos de Acción Costeira vinculados á
política de desenvolvemento da pesca, o marisqueo e a acuicultura; ou
impulsar a formulación por parte destes grupos de iniciativas e programas
de desenvolvemento e diversificación das actividades propias do sector.

No que se refire ao turismo mariñeiro, tan en auxe en Galicia e no sector
pesqueiro, estipúlase que terán a consideración de actividades deste
tipo, entre outras, as de pesca turismo –desenvolvidas a bordo de
embarcacións pesqueiras dirixidas ao coñecemento, valorización e difusión
do traballo dos profesionais do mar-; as rutas guiadas; o ictiturismo ou
as casas de as casas de turismo mariñeiro; e as de promoción e posta en
valor da gastronomía mariñeira.
R.