Skip to main content

Xunta, patronal y sindicatos firman un plan para paliar la caída de actividad económica en el sector de la construcción en Galicia

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Traballo de la Xunta de Galicia:

A Consellería de Traballo e os axentes económicos e sociais asinantes do Acordo sobre o Novo Modelo de Relacións Laborais en Galicia: Acordo polo emprego, (Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), e os sindicatos Unión Xeral de Traballadores (UGT) de Galicia e Comisións Obreiras (CC.OO) de Galicia) porán en marcha un plan de resposta a caída de actividade no sector da construción. Esta actuación dará alternativas aos novos retos que o emprego está plantexando na Comunidade galega, como a desaceleración no ritmo de crecemento do emprego e a diminución do desemprego.

Así o explicou o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, que asinou, xunto co presidente da CEG, Antonio Fontenla, e os secretarios xerais dos sindicatos UGT-Galicia e CC.OO de Galicia, José Antonio Gómez Gómez e Xan Mª Castro, o Plan de Resposta para o Emprego: Reorientación e mobilidade sectorial. Esta iniciativa contará cun orzamento inicial de 12,2 millóns de euros (3,8 millón en 2008 e 8,4 en 2009).

O representante da Xunta de Galicia explicou que este plan se define por dúas características fundamentais: está enmarcado dentro dos acordos do Diálogo Social e constitúe unha resposta a unha situación diferente á dos tres últimos anos, período no que en Galicia se acadou un avance considerable en materia de emprego. Aclarou que un aspecto determinante nas políticas de emprego é a anticipación ás dificultades que poida presenta a actividade económica dun país.

Pola súa banda, o secretario xeral de UGT sinalou que Galicia é a segunda comunidade na que menos medra o paro rexistrado. A pesar desta situación de moderación recordou que a responsabilidade dos asinantes do acordo é establecer medidas de apoio para tratar de evitar que os traballadores sexan os pagáns dunha difícil conxuntura económica que eles non propiciaron.

Xan María Castro valorou positivamente a aposta por un modelo produtivo que xere valor engadido, sobre todo nun momento como o actual, para que a conxuntura económica teña un impacto menor. Pola súa banda, o presidente da CEG salientou que a través dos programas experimentais de emprego, das accións de formación e das actividades de orientación laboral, como os itinerarios de inserción personalizada, establécense ferramentas eficaces para mellorar os niveis de inserción na Comunidade galega.

Ricardo Varela recordou que no Novo Marco de Relacións Laborais: Acordo polo Emprego os axentes económicos e sociais fixaban como obxectivo intervir con accións positivas, co desenvolvemento de servizos específicos para o emprego e con formación e axudas en relación coa reestruturación de sectores e empresas.

Coa elaboración deste protocolo, os asinantes dese acordo reafirmamos a consecución dese obxectivo, manifestou Varela, ao que engadiu que o mellor comportamento do mercado de traballo en Galicia ten que ver coa confianza que da un proceso de interlocución continuado, polo que o Diálogo Social crea un clima propicio á inversión.

O titular de Traballo destacou que coa posta en marcha deste plan darase resposta aos traballadores afectados pola situación actual do mercado de traballo, xa que se facilitará a incorporación dos demandantes de emprego a outros sectores, preferentemente das enerxías alternativas, rehabilitación-restauración, manexo de maquinaria pesada, metal e agricultura ecolóxica. Isto levarase a cabo a través de procesos formativos cos que adquirirán competencias necesarias para o desenvolvemento de diferentes postos de traballo.

Tal e como se recolle no acordo asinado hoxe, tamén se realizarán procesos de orientación que desembocarán en itinerarios personalizados de inserción profesional, dirixidos ao conxunto de demandantes que se integren no plan.

Asemade, incentivarase o emprendemento, como fórmula de creación de emprego, e contribuirase a diminuír os custes económicos que poda conlevar a mobilidade xeográfica dentro da Comunidade galega.

Varela indicou que este plan prevé ademais unha compensación económica de 1.050 euros para aqueles participantes que, no caso de carecer de rendas, non estean a percibir prestacións.

O conselleiro destacou que, unha vez máis, os axentes participantes no proceso de Diálogo Social, apostan por “facer actuacións concretas, para uns colectivos e sectores concretos ante unha situación concreta”.

A situación actual de forte desaceleración económica está a incidir no mercado de traballo de Galicia. Se ben é certo que esta incidencia é moi inferior á que experimenta o conxunto do Estado, xa que en Galicia o paro rexistrado ten experimentado un incremento no último ano do 6,67%, aumento netamente inferior á media estatal do 21,60%. Esta suba produciuse nos últimos catro meses e débese a unha minoración da redución que houbo en 2007. Así, mentres que en Galicia o paro reduciuse neste catro meses en 9.120 demandantes, no conxunto do Estado rexistrou un incremento de 75.093 persoas.

Cómpre destacar que en Galicia o incremento do desemprego prodúcese fundamentalmente en dúas actividades económicas: a actividade 45 no Código Nacional de Actividades Económicas (CNAE) “construción” e a 74 do CNAE “outras actividades empresariais”). Estas dúas actividades supoñen o 20,7% da afiliación e o 70% do incremento do desemprego. No conxunto do Estado estas mesmas actividades supoñen o 21,9% de afiliación e o 54,8% do incremento.

Reunión en Monte Pío

Esta xuntanza coincidiu na xornada de reunión entre o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, e os conselleiros de Política Territorial, María José Caride; Traballo, Ricardo Varela; Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio; e Vivenda e Solo, Teresa Táboas, con representantes dos sectores daa construcción e da promoción en Galicia.

Un dos principais obxectivos da xuntanza foi acordar o incremento de obra pública para paliar os efectos da caída da actividade económica námbolos dous sectores.
R.