Skip to main content

Abierto al tráfico el puente que une Asturias con Galicia por Ribadeo

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, subliñou que a Autovía do Cantábrico constitúe “un esforzo inversor sen precedentes” no que non existen retrasos, senón que “se aceleran os prazos de execución”. Trátase, engadiu, “dunha actuación moi potente” que permitirá completar a conexión en vías de altas prestacións de todo o “arco atlántico, desde a entrada por Francia ata chegar a Faro, en Portugal”.

Así o afirmou o máximo mandatario galego durante a inauguración do treito entre Ribadeo e Barres da A8, un acto no que tamén participou o presidente do Principado de Asturias, Vicente Álvarez Areces, e no que ambos subliñaron a importancia capital deste treito, que ten unha lonxitude de 4,6 quilómetros e no que se investiron 43 millóns de euros, dado que inclúe o desdobramento da Ponte dos Santos, conexión entre Galicia e Asturias. No acto tamén participaron o delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras, o delegado do Goberno en Asturias, Antonio Trevín, e a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, ademais de diversos alcaldes da comarca.

O xefe do Executivo autonómico subliñou que se trata “dun soño feito realidade”, executado “desde o respecto máximo ao territorio e ao medio ambiente, e unindo dous pobos e toda a cornixa cantábrica con Francia e con Europa”. O xefe do Goberno galego resaltou que o desdobramento da ponte dos Santos constitúe “unha obra de referencia para o todo o mundo no ámbito da enxeñería europea”, e indicou que a apertura do novo treito da Autovía do Cantábrico permite “que Asturias e Galicia esteamos hoxe máis cerca e poidamos seguir avanzando no progreso”.

Durante o acto de inauguración, Pérez Touriño lembrou que en marzo de 2004 “ningún treito da Autovía do Cantábrico na parte galega estaba en obras”. “Non había nin unha sola pala traballando, non estaba adxudicado ningún treito”, indicou Touriño, quen asegurou, polo tanto, que non se pode falar de retrasos, senón de “aceleración na execución, que é o que está ocorrendo no terreo da realidade”. Nese sentido destacou a próxima inauguración, en novembro, do treito entre Barreiros e Reinante, o quinto que entra en servizo na parte galega.

“Se hai a penas catro anos, desde aquí ata Galicia non había nin unha sola obra, nin un solo traxecto adxudicado, e a finais deste ano 2 de cada 5 quilómetros estarán en servizo, é dicir, 35 dos 85 quilómetros da parte galega (o 41%), quere dicir que se fixo unha aceleración intensa e unha execución brillante da Autovía do Cantábrico desde o ano 2004”, resaltou o presidente galego.

Na súa intervención, o xefe do Goberno galego resaltou que a A-8 é “unha infraestrutura clave” que para Galicia constitúe “o terceiro acceso, o terceiro gran eixe de vertebración para a comunicación co exterior”. Con esta autovía, engadiu, “estamos facendo que Galicia e Asturias poidan ter unha comunicación fluída, rápida, segura, eficaz e moderna, á altura do século XXI e dos tempos por vir para que os grandes tráficos de medio e longo percorrido coloquen en conexión toda a cornixa cantábrica cos grandes eixes europeos de transporte”.

Destacou que desde a perspectiva de Galicia, a Autovía do Cantábrico conectará directamente coa autovía A6 e coa Autopista do Atlántico, e a partir de aí “nos leva a conectar toda a rede de cidades galegas entre si e cara ao sur, en dirección con Portugal, con Porto, con Lisboa e o Algarve”, indicou.

Ao mesmo tempo, puxo en valor a conexión da Autovía do Cantábrico coa Autovía Ferrol-Vilalba, que chegará ata o Porto Exterior de Ferrol, unha infraestrutura autonómica que está en plena execución. “A metade está xa en servizo e lles podo anunciar que no outono do ano que vén estará plenamente culminada, plenamente en servizo e operativa”, avanzou o presidente da Xunta.

O xefe do Goberno galego fixo tamén referencia á prolongación da Autovía do Cantábrico coa Vía de Alta Capacidade da Costa Norte, que permitirá que “o borde costeiro da nosa Comunidade quede conectado en altas prestacións cun investimento superior aos 270 millóns de euros que neste momento xa está en execución”. En relación con esta conexión, Touriño anunciou que está a piques de saír a información pública a prolongación, a cargo do Ministerio de Fomento, da A8 desde Barreiros ata San Cibrao, onde conectará coa Vía de Alta Capacidade da Costa Norte que “orlará toda a costa de Galicia ata chegar a Ferrol”.

O titular da Xunta informou de que nos vindeiros días se adxudicará a Variante de Ortigueira desta VAC, e se iniciarán as expropiacións do treito entre Celeiro e San Cibrao. Isto permitirá, segundo afirmou, que no ano 2009 a Autovía do Cantábrico se prolongue ata Ferrol a través da conexión Ferrol-Vilalba, e no ano 2011 se una a toda a costa.

O xefe do Goberno galego resaltou que a Autovía do Cantábrico ten ante si “un momento de impulso”, xa que os Presupostos Xerais do Estado lle consignan unha partida moi importante a esta infraestrutura, concretamente 86 millóns de euros para a parte galega que “permitirán seguir acelerando as obras” de xeito que poida estar plenamente operativa en 2010.

“Galicia e Asturias, o Noroeste noutro tempo periférico, atrasado e marxinado, nos Presupostos do Estado ocupa agora un espazo central e as dúas Comunidades encabezamos o ránking na percepción de recursos por habitante, nun esforzo sen precedentes para cohesionar o territorio”, resaltou Touriño.

O presidente da Xunta asegurou que Galicia e Asturias aproveitarán esta oportunidade de dispor “dos presupostos que ambicionabamos” e que permitirán desde Galicia ver culminado “nun horizonte razoable este gran eixe de comunicación”, a A8. Ademais, subliñou que os Presupostos permiten ver que “ese AVE que desexamos que chegue no prazo comprometido acada o compromiso presupostario que o fará posible e realidade”.

“Comprometinme co presidente de España que no ano 2009 quedarían licitados todos os treitos do AVE que lle faltan a Galicia, e ese compromiso ten hoxe un dato de realidade”, remarcou Pérez Touriño.
R.