Skip to main content

Innovación destina 20.000 euros al impulso del software libre entre los empresarios gallegos

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Innovación e Industria de la Xunta de Galicia:

A directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da Consellaría de Innovación e Industria, Helena Veiguela, asinou, en calidade de apoderada da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, un convenio de colaboración coa Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) para a realización de actuacións que contribúan ao desenvolvemento e á difusión das tecnoloxías de código aberto entre o tecido empresarial galego. A iniciativa, promovida dende o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, Mancomún, disporá dunha partida orzamentaria de 20.000 euros achegados a través da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.

O convenio ten como propósito promover a difusión e a implantación de aplicacións de código aberto entre o tecido empresarial galego co fin de impulsar o desenvolvemento económico sostible de acordo aos obxectivos recollidos no Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI).

Segundo o acordo subscrito, será Agasol a responsable de achegar ás empresas galegas, a través de presentacións e da distribución de material promocional, as especificidades e as vantaxes do software libre. Asinando por parte de Agasol participou no acto o seu presidente, Javier vázquez, quen explicaba os obxectivos do colectivo do seguinte xeito, “queremos dar a coñecer os casos de éxito empresarial con tecnoloxías abertas e transmitir, ás entidades alleas ás mesmas, toda a utilidade práctica que conleva”.

A directora xeral e mailo representante da asociación estiveron acompañados no momento da sinatura polo coordinador do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, Xesús M. Benítez Baleato, e polo xerente da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, Xosé Lois Villasante. Con esta imaxe reprodúcese o encontro acontecido o pasado 19 de setembro, data na que se asinou o convenio de colaboración cos Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre (GGUL) e en virtude do cal once asociacións se beneficiarán de 5.000 euros respectivamente para a promoción do software libre.

Deste xeito, son xa 75.000 euros a cantidade que a Consellaría de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, destinará á difusión das tecnoloxías e os estándares abertos en Galiza, atendendo á súa aposta decidida pola accesibilidade e a interoperabilidade administrativa, así como a súa introdución no resto da sociedade galega.

No marco deste convenio inscríbese todo un programa de actuacións de difusión no ámbito empresarial, como o ciclo de relatorios “O software libre e a crise” cuxo inicio está previsto para o vindeiro 14 de outubro na cidade da Coruña e que continuará o seu periplo por cámaras de comercio e confederacións empresariais das principais cidades galegas.

A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol)

Agasol é unha iniciativa de empresas galegas de software libre que se agrupan nunha asociación para intentar acadar maiores oportunidades de negocio, exercer como interlocutores ante a Administración galega para apoiala e asesorala nos procesos de migración e implantación de SwL, ao tempo que tenta promocionar un modelo de sociedade do coñecemento no que resulta clave a liberdade para mellorar os programas informáticos e facer públicos e accesibles eses progresos. Actualmente agrúpanse baixo este colectivo un total de 27 empresas galegas.

A asociación xorde en setembro do ano 2007, nun momento de efervescencia no que moitas empresas galegas de pequeno e mediano tamaño comezan a traballar con software libre. O seu propósito é contribuír ao seu medre e consolidación nun ámbito no que o Goberno galego asume que como prioritaria a adopción por parte das administracións públicas de sistemas informáticos baseados en estándares abertos.
R.