Skip to main content

Constituido en Vigo el Foro de la Automoción de Galicia

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Traballo de la Xunta de Galicia:

Os conselleiros de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e Traballo, Ricardo Varela, presidiron en Vigo a constitución do Foro da Automoción, no que tamén participaron representantes do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), PSA-Citröen, a Asociación de Industriales Metalúrgicos de Galicia (Asime), e a Confederación de Empresarios de Galicia, así coma delegacións das organizacións sindicais UGT, CCOO e CIG. Os participantes nesta primeira xuntanza valoraron positivamente a creación do Foro que permitirá establecer cauces de diálogo entre todos axentes do sector, as partes empresarial e social e a Administración.

Na opinión do Goberno galego, a complexa situación económica actual precisa do esforzo de todos e da posta en común das distintas estratexias nos ámbitos das relacións laborais, da I+D+i e do impulso ao sector, obxectivo co que se constitúe o Foro da Automoción. No decurso da primeira reunión hoxe en Vigo creáronse dúas mesas específicas de traballo nos ámbitos da industria e das relacións laborais, o que permitirá afondar no diálogo entre todas as partes e alcanzar acordos que posibiliten afrontar as dificultades dunha maneira coordinada. Pola parte da Administración autonómica, estas mesas integraranas as directoras xerais de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, e de Relacións Laborais, Pilar Cancela.

Logo de participar na xuntanza, o titular de Innovación e Industria, Fernando Blanco, considerou que o foro era un compromiso adquirido e que a súa creación parte de dúas premisas claras, por unha banda do recoñecemento de que “estamos diante dunha crise que non é imputable a un sector específico pero que si ten repercusións no conxunto dos sectores produtivos do país e, pola outra, que nunha situación deste tipo se precisan canles de diálogo entre empresas, sindicatos e administración que poñan en marcha os mecanismos que permitan reducir o seu impacto sobre as empresas e sobre os traballadores”.

O conselleiro afirmou que non se trata só dunha “crise”, senón que haberá que afrontar ademais a situación de “poscrise”, ante o cal unha das obrigas da Administración é precisamente preparar esta situación para colocar as empresas e os sectores nunha situación de mellor capacidade para afrontar o futuro. Fernando Blanco dixo que a crise responde a unha “situación temporal que hai que superar co menor impacto social posible”. Ademais, o conselleiro considerou positivo que as dúas comisións de traballo dentro do Foro da Automoción nacen xa cunha “folla de ruta” ou “calendario de traballo” que responde á demanda tanto da parte empresarial coma da social.

Pola súa parte, o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, lembrou que o sector do automóbil está a atravesar un período de baixa actividade derivado da caída do consumo. Malia todo, salientou que neste contexto “o importante é poñer en común os esforzos e as ideas de todas as partes para que a afección sobre as empresas e os traballadores sexa a menor posible”.

Ademais, o titular de Traballo volveu apostar pola vía do diálogo e a cultura da cooperación como a mellor fórmula para atopar as medidas máis axeitadas para paliar os efectos desta situación. Neste sentido, Ricardo Varela insistiu en que “a nosa capacidade para regular esa caída da produción”, no conxunto da empresa principal e nas empresas auxiliares, “dependerá da vontade e a capacidade de diálogo de todas as partes implicas: a empresa principal, as auxiliares e os propios traballadores”.

R.