Skip to main content

El CGAI acoge la presentación del libro Las imágenes de Carlos Velo

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) presenta na sede do centro, o libro Las imágenes de Carlos Velo publicado pola UNAM de México. O acto contará coa presenza do autor do volume, Miguel Anxo Fernández, crítico cinematográfico, docente, historiador e novelista.

A obra Las imágenes de Carlos Velo presenta un recorrido biográfico e profesional pola traxectoria do cineasta galego Carlos Velo (Ourense 1909-México D.F.,1988) que pretende achegar ao lector á súa obra, sen descuidar ningún dos seus proxectos.

A sesión inclúe a proxección dalgún dos máis importantes traballos de Carlos Velo, seleccionados por Miguel Anxo Fernández, que adiantará algúns aspectos da celebración que terá lugar o vindeiro ano polo centenario do director ourensá. A duración estimada do acto será dunha hora. A entrada é gratuíta.

Carlos Velo (Ourense, 1909-México D.F., 1988), galego de raíces e conviccións, mexicano de corazón e de afectos, forxou unha traxectoria cinematográfica que comezou na España republicana previa á Guerra Civil española, consolidándose a xuízo de historiadores e críticos como un dos documentalistas máis notable daquel período. Esta fama prolongouse no seu exilio de case medio século no acolledor México para confirmarse como prolífico cineasta, mestre de documentalistas e promotor de numerosas institucións, algunhas das cales continúan puxantes, como é o caso do Centro de Capacitación Cinematográfica, entre outras.

En España filmou entre 1934 e 1936 obras mestras do xénero documental como as curtametraxes Infinitos, Almadrabas ou Galicia, e ata a despois manipulada longa Romancero marroquí en 1939. En México, e na gran historia do cine, será recordado sobre todo como autor de Torero! en 1956, e ata pola súa versión de Pedro Páramo unha década despois. Contribuíu nos primeiros anos corenta e cincuenta a desenvolver unha brillante escola de filmadores en numerosos noticiarios, para nas décadas seguintes alternala coa súa faceta formativa.

Foi tamén Carlos Velo un intelectual brillante, que non só participaba activamente na vida cultural mexicana, senón tamén no activismo político da Galicia reivindicativa dos seus acenos identitarios e culturais propios como delegado en México do Consello de Galicia ou como presidente do Padroado da Cultura Galega nos duros tempos do exilio contra a ditadura do xeneral Franco. Las imágenes de Carlos Velo é un percorrido que á par de biográfico, pretende achegar ao lector á súa obra, incluíndo os seus numerosos proxectos frustrados, entre os que se atopa o gran documental México meu que en 1955 intentou sacar adiante co produtor Manuel Barbachano e o guionista italiano Cesar Zavattini

R.