Skip to main content

Teresa Miras Portugal gana el Premio María Wonenburger en reconocimiento a su trayectoria

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar de la Xunta de Galicia:

A Unidade de Muller e Ciencia acordou conceder o Premio “María Wonenburger” a Teresa Miras Portugal, catedrática e directora do Departamento de Bioquímica e Bioloxía molecular da Universidade Complutense de Madrid. O galardón, que se entrega o día 20 de decembro no marco dunha xornada organizada en Compostela pola Unidade de Muller e Ciencia, que se celebra no Museo Pedagóxico de Galicia, quere resaltar as traxectorias relevantes de mulleres nos eidos da ciencia e a tecnoloxía, e o seu nome pretende ser unha homenaxe á figura da matemática coruñesa María Wonenburger Planells. A Unidade de Muller e Ciencia exemplifica unha aposta transversal na que se implican a Vicepresidencia –a través da Secretaría Xeral de Igualdade–, a Consellería de Educación e a Consellería de Innovación e Industria.

Teresa Miras Portugal iniciou os seus estudios de Farmacia na Universidade de Santiago e finalizounos na Complutense de Madrid. Cursou estudos de doutoramento en Estrasburgo (Francia), obtendo a súa tese sobre o enzima de síntese de noradrenalina en humanos a cualificación de Trés Honorable, con felicitacións do xurado. En 1975 doutórase en Farmacia pola Universidade Complutense de Madrid.

Miras Portugal ocupa postos de responsabilidade en numerosas sociedades científicas nacionais e internacionais. Académica numeraria da Real Academia Nacional de España, medalla nº 48, editora científica dos Anais, tamén foi presidenta do Relatorio IV da Comisión Interministerial de Ciencia e Tecnoloxía (1996-1997) e parte do xurado para o Premio de Mocidade Científica da Comunidade Europea, así como do xurado do Premio Rei Jaime I e do Príncipe de Asturias en varias edicións.

Recibiu no ano 2004 o Premio da CEOE de Investigación en Ciencias e dirixiu máis de 17 teses doutorais e 5 doutoramentos europeos. Foi investigadora principal de máis de 30 proxectos, tanto nacionais como internacionais. A premiada publicou máis de 200 traballos, dos cales 190 en revistas internacionais da área de Bioquímica e Bioloxía Molecular, Neurociencias e Farmacoloxía Molecular, polo que é unha das científicas máis citadas da área. Desde xaneiro de 2007 é presidenta da Real Academia Nacional de Farmacia, sendo a primeira muller electa como presidenta dunha real academia.

María Josefa Wonenburger Planells (A Coruña, 1927) estudou Ciencias Exactas na Universidade Complutense de Madrid e, en 1953, trasladouse a Estados Unidos para se especializar en álxebra cunha bolsa Fulbright. Na Universidade de Yale leu a tese de doutoramento, dirixida por Nathan Jacobson, un dos mellores alxebristas do momento, e iniciou unha brillante traxectoria nesta materia como profesora en diferentes universidades –Toronto, Búfalo, Bloomington (Indiana)– e como directora de teses, entre elas a do matemático Robert V. Moody, en 1966. Da súa man, Moody iniciou na súa tese a teoría coñecida como Álxebras de Kac-Moody, con aplicacións en Física e noutros campos das Matemáticas. Voltou á Coruña, onde reside, en 1983.

A Unidade Muller e Ciencia traballa na promoción de actuacións dirixidas a eliminar os desequilibrios existentes no relativo á formación científica, así como no eido da investigación e innovación e no da xestión da I+D+i, coa finalidade de incrementar a presenza de mulleres nos ámbitos científico e tecnolóxico.

Un dos obxectivos deste programa é promover a presenza das mulleres nos órganos responsables da selección e avaliación do persoal científico e en formación, así como nos órganos responsables da concesión de axudas á investigación científica e á innovación e nos espazos de xestión da I+D+i e demais organismos que teñan responsabilidades nos ámbitos científico e tecnolóxico. Preténdese tamén integrar o principio de igualdade de xénero en todas as fases de aplicación, control e avaliación dos proxectos e programas de investigación científica realizados con apoio ou financiamento do Goberno galego e outras institucións.

A Unidade de Muller e Ciencia, da que forman parte persoas de recoñecido prestixio no ámbito científico e tecnolóxico, educativo, social e sanitario de Galicia, tamén pretende situar a perspectiva de xénero nun primeiro plano nos estudos e actividades científicas. O obxectivo é converxer as preocupacións e os esforzos dos tres departamentos cara unha meta común, a de propiciar cambios para facer da equidade nas estruturas profesionais unha realidade para conseguir que a presenza das mulleres no escenario da ciencia e a tecnoloxía camiñe, por fin, en pé de igualdade. Nesta tarefa de abrir a ciencia á muller, a Unidade Muller e Ciencia incide tamén na necesidade de que se impliquen as universidades, os centros de investigación e as empresas, así como o conxunto do país.
R.