Skip to main content

Pontevedra acoge la celebración de la Copa de Europa de Triatlon el 17 de mayo

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Cultura e Deporte de la Xunta de Galicia:

A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, asistiu á presentación da proba da Copa de Europa de Tríatlon que terá lugar o día 17 de maio en Pontevedra. Ao acto asistiron tamén o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a directora xeral para o Deporte, Marta Souto; o presidente da Federación Española de Tríatlon, José Hidalgo, e o presidente da Federación Galega de Tríatlon, Francisco Villanueva. Na presentación puídose contemplar un vídeo da proba do ano pasado, que destacou pola súa dureza, xa que as condicións meteorolóxicas foron moi adversas.

A conselleira manifestou a súa confianza en que “este ano as condicións meteorolóxicas sexan mellores, sobre todo porque nesta oportunidade a proba celebrarase un mes máis tarde”. Iso si, quixo dar as grazas a todos os que traballaron na edición anterior (voluntarios, persoal da organización), ás e aos deportistas e, por suposto ao público, xa que “todos lográchedes que Pontevedra volva a acoller unha proba da Copa de Europa e isto é un paso máis para que Pontevedra poda acoller probas de maior nivel no futuro”.

O alcalde manifestou o interese da súa cidade por albergar probas deste nivel xa que “teñen un dobre obxectivo: favorecer o desenvolvemento económico da cidade e a súa proxección no exterior”.

Pola súa banda, Javier Gómez Noya, tres veces gañador da Copa do Mundo e vencedor da proba do ano pasado en Pontevedra, explicou que “para min é un pracer estar presente neste acto por este motivo, xa que é un orgullo competir aquí, na cidade na que vivo e na que adestro, e cunha proba deste nivel”. Aínda que recoñeceu que deportivamente non era o obxectivo máis importante, “competir na casa motívame especialmente e quero repetir triunfo”.

A proba terá lugar o día 17 de maio e, igual que o ano pasado, en primeiro lugar participarán as mulleres (09.00 horas) e despois os homes (11.30), sendo o percorrido coma o do ano pasado, aínda que nos próximos meses pode realizarse algún axuste.

O presidente da Federación Española de Tríatlon, José Hidalgo, destacou a perfecta organización do ano pasado e a resposta do público a pesares do temporal e manifestou que “debemos intentar dar un paso máis e esperamos que Pontevedra e Galicia alberguen competicións de este e máis nivel”. Esta será a única proba senior da Copa de Europa que terá lugar en España, aínda que se celebrarán unha ou dúas máis doutras categorías.
R.