Skip to main content

La Xunta suspende el lunes las clases en los centros educativos no universitarios por temporal

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luís Méndez Romeu, confirmou a suspensión da actividade lectiva en todos os centros públicos, privados e concertados da rede educativa da Comunidade Autónoma galega, agás a Universidade. Segundo explicou o titular do departamento, o nivel de risco do fenómeno de meteoroloxía adversa de nivel de alerta laranxa por vento en terra que afectará a Galicia “é suficientemente importante como para adoptar estas medidas”. Méndez Romeu explicou que o episodio meteorolóxico adverso provocará ventos de máis de 100 km/h e choivas que poderán acumular os 40 litros por metros cadrado en 12 horas. Igualmente, destacou que os refachos poderán ser especialmente intensos entre Fisterra e Viveiro, con posibilidade de acadar, puntualmente, os 120 ou 140 km/h. No resto de Galicia, a intensidade oscilará entre os 100 e 120.

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza sinalou, no Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, que “a Consellería de Educación está informando aos directores de todos os centros educativos públicos, privados e concertados de Galicia, que xa foran prealertados desta situación, para asegurarse de que o luns se reduzan os desprazamentos innecesarios e se adopten as medidas de seguridade e prevención oportunas”. Méndez Romeu dixo que “esperamos que esta decisión sexa comprendida pola poboación. Somos conscientes das molestias que isto pode causar, pero entendemos que o nivel de risco é suficientemente importante como para adoptar estas medidas”. Ademais, lembrou que os efectos deste episodio de meteoroloxía adversa foron informados, dende o pasado venres, a todas as entidades e organismos que se poidan ver afectados ou que vexan comprometida a súa intervención mediante o envío, dende o112 Galicia, de 1.141 faxes e 770 sms.

Doutra banda, o titular do departamento autonómico lembrou que a Consellería de Educación “disporá un responsable que informe ás familias en todos os centros da Comunidade, así como a través do servizo de transporte escolar co fin de garantir a seguridade dos rapaces”. Tamén aproveitou para recordar á poboación a importancia de seguir as medidas de autoprotección como evitar desprazamentos e afastarse de edificios en ruínas ou en construción, árbores e paneis publicitarios. Igualmente, aconsellou aos condutores que, no caso de vérense obrigados a desprazarse, axeiten a velocidade ás condicións da vía, pois pódense producir desprendementos de terra e pedras.

Por último, Méndez Romeu asegurou que desde o luns, e mentres dure este episodio de meteoroloxía adversa, o persoal do 112 Galicia “reforzarase ao máximo” e comprometeuse a dar unha resposta eficaz a cada unha das emerxencias que se poida producir.

A Dirección Xeral de Protección Civil da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza aconsella á poboación adoptar as medidas de autoprotección oportunas ante a chegada dun novo fenómeno de meteoroloxía adversa de nivel de alerta laranxa por vento en terra, que afectará á Comunidade Autónoma de Galicia a partir do luns. Segundo as informacións recibidas da Axencia Estatal de Meteoroloxía, prevense refachos de compoñente sudoeste de máis de 100 quilómetros á hora. Así, recoméndase evitar os desprazamentos, retirar obxectos que poidan caer á rúa dende balcóns, fiestras e tellados e afastarse de edificios en ruína ou construción, árbores e paneis publicitarios.

Doutra banda, agárdanse precipitacións que poderán acumular ata 40 litros por metros cadrado en 12 horas, o que se corresponde cun nivel de alerta amarelo. Este fenómeno meteorolóxico adverso afectará, especialmente, á provincia de Pontevedra desde as primeiras horas do luns e ata a madrugada do martes.

A Dirección Xeral de Protección Civil, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, preavisou este fenómeno e reiterouno o domingo. En concreto, o venres remitíronse 569 faxes e 385 mensaxes de móbil, e o domingo 572 faxes e 385 sms. En total, enviáronse dende o pasado día 6 ata hoxe un total de 1.141 faxes e 770 sms informativos, a todos os concellos e parques de bombeiros da Comunidade Autónoma, así como aos organismos das administracións estatais, autonómicas e provinciais e ás empresas que pola súa actividade se poidan ver afectadas (como por exemplo as de construcción ou guindastre, operadores eléctricos e de telefonía, e servizos de primeira intervención). Deste xeito, agárdase que se adopten as precaucións oportunas para a protección dos bens e das persoas.

Ademais das medidas preventivas adoptadas, a Dirección Xeral de Protección Civil recomenda aos condutores que, no caso de teren que realizar algún desprazamento, se informen previamente do estado das estradas e que, en calquera caso, axeiten a velocidade ás condicións da vía, xa que se poden producir desprendementos de terra e pedras. Por último, suxírese consultar a páxina web do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e enlaces de interese.


R.