Skip to main content

Núñez Feijoo promete un Goberno en coalición cos cidadáns de Galicia.

Núñez Feijóo reafirmou os compromisos expresados durante a recente campaña electoral e rexeitou funestos "ismos" como "caciquismo, partidismo, enchufismo e sectarismo", augurando tempos novos para a administración galega na que se reducirá arredor dun vintecinco por cento o número das Consellerías, unha Lei regulará o modelo de organización administrativa, e se garantirá a legalidade nos procesos de selección de persoal e acceso ás subvencións públicas.

O candidato a Presidente anunciou que se revisará o Concurso eólico para contrastar a súa legalidade, e se derrogará o decreto do Galego para - fomentando a "amabilidade lingüística frente a radicalismos estériles", impulsar o trilingüismo: galego, castelán e inglés. Saudando o cambio no Ministerio de Fomento, anunciou a reformulación do deseño da AP-9, un Plan de transporte metropolitano e a creación da Axencia galega de Autoestradas e o Consorcio galego de Transportes.

Sinalou que "nós non vimos derribar o pasado", e expresou respecto ó Presidente Touriño "pola súa entrega e o seu traballo". E asegurou que nos cen primeiros días do seu mandato aprobará un Plan que recolla as obras do Plan Galicia, que estarán en funcionamento antes de que remate a Lexislatura. Tentará o consenso co resto das forzas políticas para a reforma do Estatuto de Autonomía, de acordo coa Constitución, así como tentará pactar o nomeamento de novo director xeral de Rtvg.

Sobre a crise, anunciou un Plan económico estratéxico e de choque e a convocatoria ós axentes sociais dentro dos seus primeiros cen días de goberno.Haberá unha Consellería do mar, e os grandes dependentes cobrarán as prestacións ás que teñen dereito antes de fin de ano. En relación co tema da Sanidade (despois da canaria, a segunda peor valorada de España, indicou), anunciou unha Lei de Garantías de prestacións, que non haberá esperas para os enfermos de cancro e doutras graves enfermidades, situando os prazos máximos en 45 e 60 días respectivamente para tratamentos ou operacións.

En Vivenda considera prioritario o problema do acceso dos máis novos a unha vivenda, e mellorar en cantidade e calidade o stok de vivendas. Anunciou tamén un Plan estratéxico tecnolóxico para facer desaparecer a chamada "fenda dixital".
R.