Skip to main content

Pesca elabora os plans de xestión para a frota do cerco e a de artes menores

A estas axudas só poden acceder aqueles propietarios de buques e os pescadores afectados por plans nacionais de axuste pesqueiro, ben sexan plans de recuperación, medidas de urxencia, a non renovación dun acordo de pesca entre a comunidade e un país terceiro ou unha redución importante nas posibilidades de pesca, plans de xestión ou plans nacionais de desmantelamento.

Sobre estas axudas, os directores xerais de Recursos Mariños, Antonio García Elorriaga, e de Estruturas e Mercados da Pesca, José Manuel López Rodríguez, informaron a representantes das federacións galega e provinciais de confrarías de pescadores, así como ás asociacións de armadores concernidas polos devanditos plans. Nunha xuntanza mantida entre os mesmos interlocutores o pasado mes de febreiro, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos comprometeuse a valorar a posibilidade de elaborar un plan de xestión para o conxunto da frota de artes menores, ao que se engadiu tamén o segmento de frota de cerco.

Nestes documentos faise unha análise da situación actual da explotación das pesqueirías obxectivo para estes dous segmentos de frota, o estado dos recursos e a evolución dos prezos nos mercados. Tamén se enumeran as medidas tanto estatais como autonómicas postas en marcha e dirixidas a unha explotación sustentable e a conservación das especies pesqueiras que son obxectos destas frotas.

Plan de xestión do cerco
O plan de xestión elaborado pola Consellería de Pesca para o cerco fai unha descripción da situación actual desta frota pesqueira cuxas especies obxectivo son, fundamentalmente, a sardiña, o xurelo e a xarda. Esta frota está constituída por 167 buques dos cales o 8,38 por cento correspóndelle a buques de máis de 30 anos de idade, o 19,76 por cento atópanse comprendidos entre os 20 e os 30 anos , o 43,11 por cento entre os 10 e os 20 anos e o 28,74 por cento é menor de 10 anos.

Segundo aparece reflectido no plan de xestión do cerco, téñense establecido unha serie de medidas a nivel estatal e autonómico para a conservación e a xestión das pesqueirías obxectivo desta frota pesqueira de importancia na nosa comunidade autónoma. Así, podemos destacar o Decreto 424/1993 polo que se aproba o regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia, modificado por última vez no ano 2004 polo Decreto 198/2004.

Nesta liña, entre as principais medidas da Administración galega destacan: a aprobación por parte de Pesca de plans de pesca; a limitación do arqueo mínimo e a eslora total das embarcacións de nova construción; a limitación da actividade pesqueira a cinco días por semana, sendo obrigatorio un descanso semanal de 48 horas continuadas; establecemento dunha talla mínima de 14 mm; establecemento de dimensións máximas de arte en lonxitude e altura; e prohibición de faenar na franxa costeira do interior das rías.

Así mesmo, a Xunta de Galicia ten establecido medidas específicas referidas a topes de captura diarios para especies peláxicas, establecemento de portos de descarga, así como limitación do horario de pesca.

O obxectivo de todas as medidas establecidas é lograr un equilibrio entre o esforzo de pesca e os recursos dispoñibles. No caso da frota do cerco, o plan de xestión presentado no ministerio explica que é evidente o desaxuste existente entre os recursos dispoñibles, sobre todo peixes pequenos peláxicos, e o esforzo despregado sobre os mesmos.

Segundo o plan de xestión é necesario adecuar o esforzo pesqueiro ao recurso, incidindo pois na capacidade e no tempo de pesca, a través de paralización definitiva, paralización temporal, limitación de capturas (topes) ou da reconversión laboral. Así mesmo, tal e como se fixa no documento presentado, a frota do cerco precisa tamén dun proceso de modernización, así como incidir e mellorar no proceso de comercialización a través da revalorización das especies, promoción e incentivos ao consumo das principais especies de cerco, trazabilidade e venda directa.

Plan de xestión de artes menores
O plan de xestión de artes menores describe o estado actual deste segmento de frota, o máis numeroso de todos cantos podemos enumerar no sector pesqueiro galego. Está formado por 4.247 buques dos cales o 41,72 por cento corresponde con buques de máis de 30 anos, o 24,44 por cento están comprendidos entre 20 e 30 anos de idade, o 18,41 por cento están comprendidos entre os 10 e os 20 anos e o 15,42 é menor de 10 anos.

Este segmento de frota subdivídese, á súa vez por artes e aparellos de pesca, así atópase a frota que emprega artes de anzol, a que utiliza artes de marisqueo, a que emprega artes remolcadas ou haladas á man, a de cerco, a de enmalle ou a que usa nasas. As especies obxectivo tamén son distintas en función da arte que empregan.

Para este segmento de frota téñense establecido distintas medidas de conservación e de xestión a nivel estatal e a nivel da Comunidade Autónoma de Galicia. Así destaca, neste último ámbito, o Decreto 424/1993 do 17 de decembro polo que se aproba o regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia, modificado olo Decreto 198/2004.

Esta normativa establece medidas como a aprobación por parte da Consellería de plans de pesca, a concesión de permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, a limitación do arqueo mínimo e a eslora total das embarcacións de nova construción, a limitación da eslora máxima total das embarcacións a 18 metros, a limitación da potencia máxima dos motores, a limitación da actividade a cinco días semanais, sendo obrigatorio un descanso semanal de 48 horas, a limitación do número de artes por embarcación a cinco como máximo, control da actividade pesqueira a través de despachos no rexistro da actividade pesqueira, establecemento de tamaños mínimos de comercialización para algunhas especies, entre outras.

Así mesmo, a comunidade autónoma de Galicia ten levado a cabo unha serie de medidas específicas como o plan de recuperación do polbo, posto en marcha no ano 2006 pola consellería de Pesca de forma consensuada co sector pesqueiro, o plan de xestión para as embarcacións con trasmallos menores de 2,5 TRB, unha proposta de xestión da anguía, pendente de aprobar por parte da Comisión Europea, e o plan xeral de explotación marisqueira que se publica anualmente.

Os obxectivos son, entre outros, regular o esforzo de pesca e os recursos dispoñibles non só a través destas iniciativas senón tamén a través de axudas á paralización definitiva, paralización temporal, a limitación de capturas, a través de topes de captura, ou a reconversión laboral. Tamén se debe traballar na modernización da frota de artes menores que precisa dun continuo proceso de modernización, incluso da definición dun prototipo de buque para cada arte. Así mesmo, a mellora na comercialización debe ser unha variable a ter en conta para unha xestión sustentable das pesqueirías obxectivo deste segmento de frota, o máis amplo en Galicia, a través de accións tendentes á revalorización das especies, a promoción e incentivos ao consumo das principais especies de baixura, a trazabilidade ou a venda directa.
R.