Skip to main content

Irisarri reivindica o enlace ferroviario ao porto exterior na inauguración da súa conexión por estrada

Unha vía de 15 quilómetros que requiriu no seu conxunto un investimento de 88 millóns de euros. Nesta liña e a pesares dos retrasos na súa inauguración por mor dos traballos complementarios precisos polo desprendemento dun talud, Vicente Irisarri aseguraba que é preciso mirar para adiante e avanzar na consecución de mellores comunicacións para o porto exterior que, sen dúbida, permitirán elevar a súa potencial capacidade para xenerar emprego e riqueza.

Acompañado do presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Amable Dopico, e de representantes veciñais de Esmelle, San Xurxo, A Cabana e Mandiá, o alcalde de Ferrol agradecía precisamente a paciencia dos veciños afectados polas obras durante os anos que estas duraron. Pero tamén ás empresas xa asentadas na dársena e que se viron obrigadas en ocasións a reaxustar as súas previsións de negocio ante a ausencia da estrada recén inaugurada. O futuro, sen embargo, se presenta con perspectivas, segundo Vicente Irisarri, quen destacou a necesidade de apoiar á dársena coas infraestructuras loxísticas de Leixa e Mandiá. Aquelas que permitirán o asentamento de novas empresas.

Non só iso, o alcalde tamén destacou unha segunda derivada da estrada: a súa capacidade para favorecer a articulación viaria do borde costeiro do Concello de Ferrol. Aportará deste xeito calidade de vida aos seus veciños ao mellorar as súas comunicacións e, á par, porá os recursos turísticos da zona ao alcance do cidadán dun xeito máis sinxelo e cómodo, abrindo novas perspectivas no panorama turístico.

Pola súa banda, Amable Dopico reiterou os agradecementos do alcalde a veciños e empresas pola paciencia amosada. Destacou a importancia da posta en marcha da estrada, fundamental para a competitividade, ao igual que o é, como sinalaba o alcalde, o enlace ferroviario. Neste senso, lembrou que a estrada permitirá a Endesa sacar unha media de 4,5-5 millóns de toneladas ao ano de carbón. Unha cifra que podería chegar a un máximo dun millón de toneladas de clínquer no caso de COP Galicia. Sobre a segunda fase do porto exterior, asegurou que os plazos se manteñen segundo o calendario oficial, co que estará funcionando ao 100% no 2010. De feito, indicou que a infraestructura estará rematada neste 2009, e que as obras de servizos, que permitirán completar a actuación, se desenvolverán no 2010.

A estrada

As obras da estrada foron subdivididas en dous tramos. O tramo I, de 4,9 km de lonxitude entre o porto e Fontemaior, púxose en servizo o 11 de setembro de 2008 e o pasado 23 de outubro de 2008 se abriu ao tráfico o subtramo Marmancón-Río do Pozo (FE-12) de 5,4 km, incluído no tramo II de 10 km: Fontemaior-Río do Pozo (FE-12). Cos 4,7 km que se puxeron en servizo esta mañá, entre o enlace de Fontemaior e o enlace de Marmancón, complétanse os 15 km de lonxitude total que ten o novo acceso ao porto exterior.

Cunha lonxitude de 4,7 quilómetros, a orixe do tramo sitúase á altura do núcleo de Fonte da Corredoira, 300 metros antes de atravesar o val de Doniños. A continuación, o novo acceso salva en viaducto o val de Doniños polo seu extremo oriental para percorrer a continuación cun trazado a media ladeira a pé do Monte Pedroso ata superar o alto da Bailadora, tras bordear a Base Militar de Mougá. As características xeométricas do trazado corresponden a unha velocidade de proxecto de 80 km/h, sendo o radio mínimo neste treito de 700 m e o máximo de 1.700 m.

O trazado en alzado entre Fontemaior e Marmancón presenta unha inclinación máxima da rasante do 3,65% e mínima do 1,27%. A calzada compónse de dous carrís de 3,5 m con beiravías de 2,5 m e os ramais constan dun carril de 4 m, con arcén exterior de 2,5 m e interior de 1,0 m. Neste treito, o vial conta cun carril adiccional para vehículos lentos en sentido Ferrol que se inicia en Mougá, unha vez superado o viaducto de Doniños.

Ao longo dos 4,7 km de percorrido, a estructura máis singular é o viaducto de Doniños, cunha lonxitude total de 561 m e unha altura máxima de pilas de 70 m.

A sección transversal ten unha anchura total de 11,50 m, composta por unha calzada de 7,00 m, beiravías de 1,75 m e dúas barreiras de formigón que ocupan 0,50 m a cada lado do taboleiro.

O taboleiro ten un canto constante de 2,80 m. A súa sección transversal é tipo caixón, cunha anchura superior de 11,50 m e inferior de 4,50 m. Ademáis do Viaducto de Doniños, se construiu neste treito un paso superior en Mougá e tres pasos inferiores para manter a permeabilidade territorial.

No desenvolvemento das obras cómpre subliñar os traballos dirixidos ao sostemento dos grandes noiros, en especial o situado en Mougá, xunto á base militar, mediante a execución de retaluzados, bulóns, anclaxes, mallas de triple torsión, gunita e drens californianos. Tamén foi preciso executar diversos muros de diques.

Dispúxose, asemade, o pechamento lateral en toda a lonxitude do novo trazado, camiños de servizo e de acceso a fincas, así como variantes das estradas afectadas.

As medidas de impacto ambiental máis destacadas, foron a execución de pasos de fauna e a integración paisaxística das obras mediante a revexetación de noiros. O coste das medidas ambientais neste treito foi de 1,9 millóns de euros. Foi preciso, ademáis, repoñer diversos servizos afectados da Base Militar de Mougá correspondentes ao Ministerio de Defensa, o pechamento e a execución dun novo acceso á Base Militar alonxado do noiro no que se producira a inestabilidade.
R.