Skip to main content

Feijoo Presidente

Ás 12:30 na Praza do Obradoiro tivo lugar o acto popular complementario do anterior. Os pesos pesados do partido popular -Mariano Rajoy, Manuel Fraga, Fernández Albor, Esperanza Aguirre, Ruíz Gallardón, Ana Pastor, Soraya Sáez de Santamaría-, representantes dos empresarios, das entidades de aforro, numerosos alcaldes, representantes de centros galegos, amigos e familia arrouparon coa súa presenza baixo un ceo que ameazaba choiva ó "Obama galego" (pancarta dixit) na súa primeira comparecencia pública como presidente.

Os 60 membros da Real Banda de Bandas da Deputación de Ourense, dirixidos polo seu titular Xosé Luís Foxo, recibiron ó presidente interpretando a Marcha Solemne do Antigo Reino de Galicia. Núñez Feijoo deu, en primeiro lugar, as "gracias" a todos e acudiu á Terencio para lembrar o "nada humano me é alleo". Lembrou ós anteriores presidentes de Galicia, con especial e emocionada mención a quen "durante máis tempo foi o presidente dos galegos", Manuel Fraga, que recibiu a ovación do público e ó que dixo que de novo estaban no Obradoiro para servir a toda Galicia. Lembranzas ós labregos, ós emigrantes galegos nas diversas partes do mundo, ó idioma (proclamando en castelán a convivencia dos idiomas), á igualdade, á innovación, á renovación da administración pública, á recuperación do consenso nos símbolos e especialmente no idioma, con liberdade de elección, á rexeneración democrática e de gobernar para todos, cunha última referencia á persoa rematou co compromiso de ser o presidente de todas as galegas e todos os galegos.

Pechou o acto a cantante de O Incio (Lugo), Lucía Pérez, que acompañada pola Real Banda de Gaitas interpretou o Himno Galego.

O luns celebrarase o primeiro Consello da Xunta de Galicia, e o martes a primeira sesión da lexislatura.
R.