Skip to main content

Artesanía de Galicia presenta 56 piezas de tornería en la muestra Contornos

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño – dependente da Consellería de Economía e Industria – presenta a segunda edición da exposición itinerante de madeira torneada que este ano leva o título de “Contornos” e que se pode visitar en diferentes localidades galegas ao longo do 2009. Entre o 3 de xuño e o 5 de xullo a mostra estará aberta ao público no Centro de Interpretación do Castro de Baroña (Rúa Fernando Fariña s/n), no Porto do Son.

O éxito da primeira mostra – que percorreu as diferentes comarcas galegas ao longo do ano 2008 baixo o nome “Arte e tradición” – levou á Fundación a apostar por unha nova edición denominada “Contornos” que se recolle tamén nun catálogo a través das fotografías realizadas polo torneiro Fernando Vérez. “Contornos” é unha escolma de 56 pezas de 32 artesáns que participaron no VIII Encontro de Torneiros celebrado en Xermade no mes de setembro de 2008 e impulsado, por segundo ano consecutivo, pola Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño.

Os torneiros que participan nesta exposición itinerante son Alfonso Arrieta, Ana Santiago, Antón Piñeiro, Antonio Justo López, Benoit Averly, Christophe Nancey, Fernando Vérez, Fernando Vigo, Francisco Boyero, Gabriel Fuentes, Idálio Dias, José Antonio Machado, Jesús Abad Hernández, Jesús García Alba, Jorge Anllo Sanjurjo, José Andrés Florez García, José Antonio Buide Mouriz, José García Otero, José Luis Bernat Varela, José Pena Pena, José Suárez Regueiro, Juan José González Redondo, Lurdes Ulazia, Manuel Castro Romero, Manuel Tella, Miguel López Aznar, Pascal Oudet, Rafael Saigui, Ramón Rego Chao, Ricardo Rodríguez Morales e Toni Port. Ademais, na exposición inclúese o resultado do traballo en equipo do torneiro Fernando Vérez e mais da cesteira Idoia Cuesta, unha peza realizada durante un seminario dedicado á aplicación conxunta das técnicas artesanais da cestaría e da tornaría que formou parte do programa de actividades do Encontro. Deste xeito, ponse de manifesto que as actividades artesanais non son compartimentos estanco senón que se poden enriquecer unhas con outras para crear pezas sorprendentes e con identidade propia.

Neste sentido, na exposición destaca tamén unha obra conxunta creada a partir das achegas de todos os torneiros participantes no Encontro do ano pasado e que está formada por pezas de diferentes madeiras. Todas estas pezas que forman parte da mostra “Contornos” recóllense tamén nun catálogo homónimo, a través das fotografías realizadas polo torneiro Fernando Vérez.

A través da combinación dos encontros de torneiros con iniciativas como a exposición itinerante e o catálogo, a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño persegue un dobre obxectivo: que toda a sociedade galega manteña un contacto continuado no tempo con este oficio e, ao mesmo tempo, contribuír a converter Galicia nun foco de atención e nunha referencia tanto dentro como fóra do Estado.

O obxectivo da Fundación é dar a coñecer e poñer en valor o oficio da tornaría artesanal que conta cunha longa tradición en Galicia, crear un espazo de encontro entre artesáns de diferentes países e culturas, potenciar a comercialización das pezas e contribuír a situar a Galicia como punto de referencia no torneado artístico da madeira

Despois do seu paso polo Porto do Son, “Contornos” – que xa estivo en Vigo poderase visitar no Centro comarcal do Salnés, en Cambados, do 21 de xullo ao 13 de agosto; no Centro Comarcal da Mariña Occidental, en Viveiro, do 18 ao 30 de agosto; e, por último, no Concello de Xermade, entre o 1 e o 13 de setembro, polo que coincidirá coa celebración do IX Encontro de Torneiros, que se celebrará nesta localidade do 10 ao 13 de setembro.
R.