Skip to main content

El Centro de Coordinación de Incendios Forestales controla los 19 distritos en los que se estructura el operativo en Galicia

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Medio Rural de la Xunta de Galicia:

O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez Casado, xunto co director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto Juanas, acompañou aos medios de comunicación nun almorzo informativo e visita ao Centro de Coordinación Central de Defensa contra os Incendios Forestais, situado na sede da Dirección Xeral de Montes, en Santiago. Este encontro tivo como único obxectivo despexar polo miúdo cantas dúbidas puideran ter os medios respecto do dispositivo contra incendios da Xunta de Galicia.

Conselleiro e director xeral, xunto cos técnicos especialistas da Dirección Xeral de Montes, explicaron en detalle o funcionamento dos servizos de loita contra os lumes forestais, dende que se recibe unha chamada no 085 (número gratuíto de aviso de incendios forestais) ata que o lume é finalmente extinguido.

O Centro de Coordinación encárgase, como o seu propio nome indica, de supervisar, coordinar e dirixir as operacións de loita contra o lume, sempre en comunicación cos centros de coordinación das catro provincias galegas e os 19 distritos nos que está estruturado o operativo no territorio da Comunidade (5 nas provincias da Coruña, Lugo e Ourense, e 4 na de Pontevedra). Nestas instalacións traballan entre 3 e 5 técnicos en situación de normalidade, podéndose ampliar o número de efectivos segundo as necesidades.

O Centro de Coordinación Central encárgase de xestionar o reparto dos medios de extinción –especialmente os aéreos– en función das necesidades, valorando sempre o número de avións e helicópteros a intervir en cada momento.

Ademais, este Centro atende directamente as operacións naquelas provincias que o precisen por calquera circunstancia e, en particular, naquelas onde interveñan medios de ámbito autonómico. Tamén se encarga de reflectir as incidencias no plano xeral de situación e de mobilizar e desmobilizar os postos de mando avanzado, segundo as incidencias de cada día.

O Centro de Coordinación Central dispón de diferentes ferramentas de utilidade relacionadas coas novas tecnoloxías da información e a comunicación. Unha delas é a vídeo pantalla, formada por seis cubos de 50 polgadas cada un, integrados entre si, que ofrece imaxes de alta calidade, contraste e antirreflexos. Este video-wall captura a imaxe de calquera ordenador do centro de coordinación, ou de calquera outro accesible dende a rede de datos da Xunta de Galicia. Integra, a súa vez, as cámaras de vídeo dispoñibles en puntos estratéxicos do territorio e todas as aplicacións empregadas na prevención e defensa contra os incendios forestais.

Neste Centro tamén se traballa cun sistema de posicionamento por GPS en tempo real dos medios aéreos, motobombas, maquinaria pesada, todoterreos, vixilancias móbiles e postos de mando avanzado.

Outra das aplicacións utilizadas nesta instalación é a Xeocode, baseada nun sistema de información xeográfica a medida, que permite a xestión de alarmas, lumes, medios e persoal on line a nivel de distrito, provincial e central. Incorpora cartografía con información sobre unidades administrativas, núcleos de poboación, espazos protexidos, vías de comunicación, curvas de nivel, hidrografía, puntos de auga, bases aéreas, puntos de vixilancia, etc.. Este sistema xestiona, ademais, o envío automático de SMS por cada lume rexistrado ás autoridades e persoal técnico correspondente.

As tecnoloxías de que dispón este centro de mando permiten, tamén, a visualización da información específica sobre alarmas, lumes e recursos asignados a nivel de distrito, provincial e central. Mantén un rango de cores, posicionando os incendios en función do seu estado e gravidade. Desde o centro xestiónase, ademais, o sistema de video-vixilancia das bases de medios aéreos e outros puntos estratéxicos do territorio.

Cóntase, asemade, cun sistema de predición meteorolóxica e de índices de perigo de incendios para todo o territorio de Galicia, con acceso web dende calquera ordenador do Centro. Subministra previsión de precipitación, temperatura máxima e mínima, humidade relativa máxima e mínima, nubosidade, velocidade e dirección do vento local e do vento dominante e probabilidade de tormenta. Xera tamén, diariamente, o índice de risco diario de incendios (IRDI), así como as predicións de lonxitude de chama, velocidade de propagación ou intensidade e incorpora un simulador de incendios que proxecta a evolución do comportamento do lume na zona seleccionada en forma de mapas bidimensionais, empregando cartografía de alta resolución (topografía, modelo de combustible, tipo e estado da vexetación) e as predicións meteorolóxicas arriba mencionadas, para os cálculos de propagación.

En canto ás comunicacións internas, desde estas instalacións xestiónase a comunicación por radio entre os efectivos que traballan na loita contra o lume. No centro disponse de antena de comunicacións e catro equipos base, un por provincia, con canle prioritario e función scanner. Asemade, cóntase cunha estación base en banda aérea, cunha canle asignada a cada provincia e outro de reserva, para comunicacións coas aeronaves de coordinación, vixilancia e extinción.
R.