Skip to main content

El Consello Galego de Pesca aprueba el dictamen del sector para la modificación de la Ley de Pesca

Nota de prensa remitida por la Consellería do Mar de la Xunta de Galicia:

O Pleno do Consello Galego de Pesca (CGP) aprobou a proposta de ditame elaborada polo grupo de traballo designado para recabar as achegas do sector de cara á súa inclusión no Anteproxecto de Lei da Reforma da Lei de Pesca, o cal deu a coñecer a conselleira do Mar, Rosa Quintana, o pasado 17 de xullo no acto de constitución do CGP.

Na súa proposta, o grupo de traballo considera positivo o feito de que no anteproxecto elaborado por Mar se contemple a inclusión da industria da transformación e comercialización coma unha figura importante dentro do complexo mar-industria de Galicia. Ademais, entenden correcta a modificación das medidas da actual lei no ámbito da protección e rexeneración, aínda que cren que no novo articulado se debería facer notar que en ningún caso se trata de promover áreas de exclusión ou Box para marxinar a flotas que tradicionalmente viñeran pescando de forma regular ou esporádica nas zonas reguladas.

Por outra banda, no ditame tamén se considera maioritariamente positivo o feito de que se deixe para o desenvolvemento en norma especial a figura das Confrarías de Pescadores, como se viña solicitado reiteradamente polo sector. Igualmente aplauden a eliminación da posibilidade de Censos por modalidades, así como a figura da Licencia de Pesca e a recuperación do Permiso de Explotación para a flota que faena en augas de competencia da Comunidade Autónoma.

Así mesmo, o ditame considera fundamental que tanto o preámbulo coma o articulado da nova lei fagan unha referencia expresa á necesidade de consultar ao sector a través do propio Consello Galego de Pesca.

Entre as principais modificacións do articulado proposto polo grupo de traballo destacan a necesidade de contar cun plan de explotación para a recollida de argazos. O sector mexilloeiro propón unha reforma no apartado referido ao outorgamento das concesións mediante o cal se valore preferentemente ter sido anteriormente titular dunha concesión no mesmo subsector de actividade; ter exercido habitualmente a explotación dunha concesión semellante ou a experienza no desenvolvemento de actividades da acuicultura na zona por parte dos particulares e das empresas solicitantes.

O ditame debatido en pleno foi aprobado polo totalidade dos asistentes a excepción do representante de UGT.
R.