Skip to main content

La Academia Galega do Audiovisual presenta las actividades para 2010 financiadas con 60.000 euros por la Xunta

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, recibiu na Consellería ao actor e presidente da Academia Galega do Audiovisual, Xosé Manuel Olveira “Pico”, a responsable de produción, Mara González e o vicepresidente da institución, Xosé Coira. Na reunión de traballo avanzouse na firma dun convenio de colaboración entre a Consellería e a Academia para as actividades planificadas en 2010.

A Consellería de Cultura e Turismo e a Academia Galega do Audiovisual consideran esencial o establecemento de accións conxuntas que o desenvolvemento, mellora e difusión da nosa cultura tanto na propia comunidade coma cara ao exterior, así como a cooperación en programas culturais que beneficien ao mundo da cultura galega.

Dentro do plano de actividades que a Academia Galega do Audiovisual prevé para 2010 e que Xosé Manuel Olveira presentou hoxe ao director de Cultura, distínguense catro puntos de relevancia como son a promoción do audiovisual galego dentro e fóra de Galicia, os espazos de debate e foros que promova a Academia, as súas publicacións e a formación no sector audiovisual dende a Academia. Francisco López expresou o total compromiso de apoio nestes catro epígrafes e mostrou a vontade da Consellería de fomentar o sector audiovisual galego coa futura renovación do convenio dotada con 60.000 euros.

Na planificación de actividades da Academia do Audiovisual Galego destacan os Premios Mestre Mateo 2009, dentro da promoción do audiovisual galego, que escollen democraticamente os mellores traballos colectivos e individuais de entre todos os realizados e presentados o ano anterior. Os premios Mestre Mateo contan cunha fonda tradición dende 2002 e contan ademais cunhas xornadas de reflexión e cun circuíto de exhibición previo a entrega dos premios.

O Foro Academia Aberta é, xunto cos Premios Mestre Mateo, o fito clave na Academia. Trátase da celebración, dende 2003, dunhas xornadas de reflexión e estudo sobre algún aspecto de importancia para o desenvolvemento do audiovisual galego. Dentro das publicacións da Academia destaca “Papeis da Academia”, unha síntese do que deu de si o período dende xuño de 2008 ata xullo de 2009 no eido audiovisual.
R.