Skip to main content

La Xunta incrementa el presupuesto de la Real Academia Galega (RAG) un 22,44%

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Cultura e Turismo de la Xunta de Galicia:

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, recibiu ao presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, nunha reunión de traballo na que se abordou a ampliación dos orzamentos que a Consellería de Cultura e Turismo destinará á RAG en 2010. Roberto Varela comunicou ao presidente o incremento deste financiamento nun 22,44% respecto ao que a institución viña percibindo desde 2006. Deste xeito, a achega alcanzará os 245.500 euros, superando en 45.000 euros a cantidade destinada á RAG nos orzamentos de 2009.

Neste liña de traballo, a Consellería de Cultura e Turismo asumirá o financiamento da reparación da cuberta do edificio da Real Academia Galega en A Coruña, valorada en 45.000 euros. As obras de reparación, comezarán unha vez sexa entregado na Consellería o proxecto de rehabilitación da cuberta que nos últimos días viuse afectado por varias tellas avariadas e pezas de uralita polas que se producían filtracións de auga.

A primeira reunión oficial do conselleiro co presidente da RAG estivo marcada, segundo Roberto Varela, pola “excelente sintonía” entre as institucións. Neste encontro estiveron presentes asemade o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, o secretario xeral da Consellería de Cultura e Turismo, Antonio Fernández-Campa e unha representación de académicos.

Outro dos puntos tratados por Consellería e Academia dirixiuse cara unha posible mellora do sistema de percepción de ingresos a través do Estado. O conselleiro de Cultura e Turismo comprometeuse a traballar conxuntamente coa Academia para modificar un sistema no que a Real Academia Galega sae perxudicada na comparación coas contías destinadas polo Ministerio de Educación a outras Academias de España como o Institut d’Estudis Catalans ou a Euskaltzandia (Academia da Lingua Vasca). Estas institucións contan con partidas nominativas nos orzamentos do Estado, ao contrario que a RAG.


R.