Skip to main content

El anteproyecto de la nueva Ley de Comercio busca equilibrar la protección al consumidor y al pequeño y mediano comercio en un contexto de liberalización

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou que o Anteproxecto de Lei de Comercio de Galicia, cuxo informe se presentou no Consello da Xunta, “busca un equilibrio entre a protección do consumidor e o pequeno e mediano comercio dentro dun escenario de liberalización europea”. “Estamos a falar de protección do consumidor, xa que, por exemplo, os vales por devolución de mercadorías non terán caducidade e todos os artigos á venda teñen que ter o prezo do seu valor, incluídos os que estean nos escaparates e; ao mesmo tempo, búscase, tamén, o equilibrio co pequeno e mediano comercio galego dentro dun escenario de liberalización do mercado europeo”, matizou.

Feijóo afirmou que o novo texto ven a substituír a unha normativa que data de 1988, dando actualidade e activando un sector que, desde facía 20 anos, non tiña unha lei de comercio actualizada. “Estamos a falar, en definitiva, dun proxecto de lei que busca vertebrar e consolidar o sector, protexer ao pequeno comercio e garantir os dereitos básicos dos comerciantes e dos consumidores”, sentenciou.

Liberdade de idioma e racionalización e simplificación administrativa
O titular da Xunta salientou, tamén, a racionalización e a simplificación administrativa que leva consigo a nova lei, así como a liberdade de idioma que van a ter todos os comerciantes, en Galicia, para rotular os seus establecementos nas linguas oficiais ou noutras linguas conforme a súa liberdade de empresa e a súa liberdade de establecemento.

Por último, Feijóo quixo destacar a participación e o consenso á hora da súa elaboración, xa que “esta lei –dixo- está feita da man dos comerciantes galegos e non de costas ao sector”.

Pola súa banda, o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, avanzou que o novo texto regulará a creación dun Observatorio do Comercio Galego configurado como un órgano asesor, consultivo, de estudo e formación, e a posta en marcha de mesas locais de comercio, “moi demandadas polo sector”, que terán funcións coordinadas do traballo das asociacións coas administracións.

Así mesmo, a nova normativa servirá, entre outras cousas, para definir e ordenar por primeira vez en Galicia a figura dos outlets, das promocións e as rebaixas e a proliferación das Feiras de Oportunidades.

No tocante a este último punto, o conselleiro subliñou que se trata dunha normativa na que por primeira vez se fai unha distinción clara entre as rebaixas e o resto das vendas en promoción, de tal xeito que se establece que os establecementos comerciais que realicen venda de rebaixas non poderán ter realizado práctica promocional ningunha no curso dos trinta días anteriores da data de inicio da venda con rebaixas.

Deste xeito os establecementos que teñan ofrecido algún produto de promoción un mes antes das rebaixas non poderán facer rebaixas a ningún produto dentro do establecemento durante este período, agás en determinados casos excepcionais como, por exemplo, as actividades promocionais no eido da alimentación ou vendas con obsequio.

Esta norma está recollida no artigo 36 da nova regulamentación comercial de Galicia, que define como rebaixas as vendas realizadas por comerciantes en determinadas épocas do ano, xeralmente vinculadas a períodos estacionais e fin de temporada, cando os artigos obxecto destas se oferten, no mesmo establecemento en que se exerce habitualmente a actividade comercial, a un prezo inferior ao fixado anteriormente, como consecuencia do remate dunha temporada comercial.
R.