Skip to main content

La nueva colección de Lagarto Pintado recupera obras de artistas y escritores de Galicia

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Cultura e Turismo de la Xunta de Galicia:

O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López presentou unha nova edición da colección Lagarto Pintado para conmemorar o recente Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, celebrando o Día das Letras Galegas e no contexto do Ano do Libro e da Lectura. Francisco López describiu estes dous novos exemplares, Verdades de plastilina e Manual para condutores con faros antinéboa, como “pequenos libros, sinxelos e fermosos, como pequenos agasallos pintados e escritos por artistas e escritores de Galicia”. Ao acto tamén asistiu o director de Gálix e coordinador da edición Lagarto Pintado, Manuel Figueiras.

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix), editou 7.000 exemplares destas novas achegas coas que recupera a colección Lagarto Pintado destinada aos segmentos de literatura infantil e xuvenil. Nembargante, o director xeral lembrou que “son libros para todos, porque todos somos un pouco nenos e todos gardamos no noso interior un pouco da inxenuidade que nos provoca as intensas emocións da lectura”. Francisco López definiu aos libros presentados como “dous pequenos volumes enchidos de arte e de vida”, “dúas pequenas obras feitas con talento, con imaxinación e con arte para todos aqueles que se acheguen a súa lectura”, engadiu.

Segundo Francisco López, a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura agarda que os 7.000 volumes publicados “cheguen a todos os puntos de Galicia, ás bibliotecas das nosas cidades e dos nosos rueiros” xa que serán repartidos e difundidos para que poidan verse “nas librerías, nos postos das feiras do libro, nos colexios e nos anaqueis das casas”.

Para Manuel Figueiras, director de Gálix e coordinador da edición de Lagarto Pintado, a actividade resulta moi interesante “porque por un lado foméntase a lectura xa que os libros van destinados aos rapaces e aos pais, e por outro lado, supón un recoñecemento aos escritores galegos e a literatura galega”. Manuel Figueiras destacou que os textos son orixinais e forman “un conxunto de relatos e debuxos de gran calidade”. “Estas publicacións son unha homenaxe a cada un dos escritores e ilustradores por o seu traballo realizado o ano anterior”, engadiu.

Literatura infantil e xuvenil

Esta nova edición da colección Lagarto Pintado vén a apoiar ás iniciativas da exposición de 50 anos de literatura infantil e xuvenil que está a percorrer bibliotecas de Galicia e que se inaugurou no Día da Literatura Infantil e Xuvenil. Asemade, no Ano do Libro e da Lectura, destacan iniciativas a prol da literatura infantil e xuvenil como as publicacións presentadas no Día das Letras Galegas como A banda deseñada, Novoneyra: a voz herdada, de David Rubín e Kike Benlloch; a difusión do volume A grande aventura do libro, a celebración en Compostela do congreso do IBBY, o meirande acontecemento mundial neste campo, e a Feira de Boloña.

A través da publicación destes dous libros, Verdades de plastilina, literatura infantil para rapaces de ata 10 anos e Manual para conductores con faros antiniebla, literatura xuvenil para rapaces de máis 11 anos, preténdese chegar ás bibliotecas das cidades e dos concellos de Galicia renovando unha colección de ampla acollida en edicións precedentes tratando de dinamizar e enriquecer esta colección.

As historias contadas nos exemplares chegan este ano da man de Yolanda Castaño, Jacobo Fernández Serrano, Charo Pita e Xavier Queipo, autores de Verdades de plastilina, ilustrado por David Pintor e de Francisco Castro, Eva Moreda, Carlos Negro e Carlos Vila Sexto, autores de Manual para condutores con faros antinéboa, ilustrado por Manel Cráneo.

R.