Skip to main content

La Xunta firma un convenio con la Fundación Cela para garantizar la conservación y difusión del legado del Premio Nobel

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asinou un convenio con Marina Castaño, viúva de Camilo José Cela, mediante o cal a Xunta de Galicia busca asegurar a mellor conservación e difusión posible dos fondos da Fundación Cela e do legado do único Premio Nobel que ten a nosa Comunidade.

Con este acordo a Consellería de Cultura e Turismo pretende garantir a viabilidade da Fundación, que seguirá a ter a súa sede en Iria Flavia. Así mesmo, a titularidade de todos os fondos e bens que compoñen o legado de Cela seguirá pertencendo á Fundación que leva o seu nome. Ademais, potenciarase Iria Flavia. Un dos aspectos recollidos no acordo é a necesidade de manter na sede actual as actividades museísticas da Fundación. Tratarase de impulsar actividades culturais na Fundación e incrementar o número dos visitantes que coñezan de preto a figura de Camilo José Cela achegándose á sede da Fundación en Padrón para coñecer a casa de Cela, os seus cadros, coleccións, o seu despacho e todo o ámbito da Fundación. Manteranse, por outro lado, os accesos dixitalizados aos distintos fondos e estase a estudar a posibilidade de elaborar facsímiles dalgúns dos manuscritos para expoñelos nesta sede.

O primeiro elemento que se afrontará tras a sinatura deste convenio será un plan da racionalización do gasto que permita asegurar o funcionamento da Fundación nunhas condicións asumibles a nivel financeiro. Unha vez que se leve a cabo ese plan, o convenio prevé a modificación da composición do Padroado da Fundación. A Xunta de Galicia asumirá a partir dese momento a maioría do devandito Padroado e o conselleiro competente en materia de Cultura será quen ostente o cargo de presidente do mesmo, mentres que Marina Castaño será a presidenta de honra.

O padroado da Fundación Cela pasará entón a estar composto por un mínimo 20 e un máximo de 25 membros. Formarán parte del como membros natos o alcalde de Padrón, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela e os presidentes das catro Deputacións Provinciais galegas. Ademais, serán membros permanentes do mesmo os conselleiros da Xunta de Galicia competentes en materia de Cultura e de Educación; e unha persoa designada ao efecto por S. M. o Rei, outra pola Universidade de Santiago de Compostela, outra pola Universidade Camilo José Cela, e nove por parte da Xunta de Galicia.

R.