Skip to main content

Radio ECCA: Galego por Internet

Estes cursos Celga están dirixidos ás persoas adultas que, pola súa situación laboral ou localización xeográfica, teñen dificultades para acceder á oferta formativa habitual en galego. Polo tanto, o fin prioritario desta iniciativa é facilitarlle a posibilidade de recibir formación en galego a un sector da sociedade que precisa dunhas condicións e horarios especiais.

Os cursos, un total de catro –dos niveis Celga 1 ao Celga 4–, teñen unha duración de 75 horas. A súa organización baséase na metodoloxía semipresencial, que combina a escoita a través das emisións abertas de ECCA ou a escoita grazas á rede en mp3, a clase a distancia con material didáctico impreso e a asistencia a clases nas que se practica a expresión oral.

A Fundación ECCA é unha entidade de ámbito nacional que se dedica á formación de adultos a través dunha cadea de emisoras culturais de radio. Concretamente en Galicia dispón dunha rede de centros de educación permanente de adultos distribuídos polas catro provincias, o que supón unha infraestrutura idónea para estender a cobertura do territorio.

Pola súa parte, Política Lingüística está traballar para darlle facilidades ao amplo sector da poboación adulta que desexa adquirir ou mellorar a súa competencia en galego. Froito deste esforzo é o primeiro curso en liña orientado á preparación da certificación de lingua galega no nivel 1, que botará a andar o próximo 4 de setembro. Trátase dun primeiro paso nun ambicioso proxecto que aproveita as vantaxes que ofrecen as novas tecnoloxías da información e da comunicación para os medios formativos.
R.