Skip to main content

Lagarta Lagarta inicia en el Salón Teatro de Compostela la gira de su nueva producción: Cásting (a comedia)

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A compañía galega Lagarta Lagarta ocupa o Salón Teatro de Santiago de Compostela coa súa última produción, Cásting (a comedia), unha adaptación de Roberto Salgueiro do texto homónimo do realizador de televisión, director e dramaturgo teatral Roger Justafré. Con dirección escénica de Rosa Álvarez; María Bouzas, Ernesto Chao, Belén Constenla, Rocío González e Alberto Rolán compoñen o elenco interpretativo desta montaxe que poderá verse durante catro días continuados de representacións: mañá xoves 23, o venres 24 e o sábado 25 ás 20.30 horas; e o domingo 26 ás 18.00.

A proposta da compañía de Vedra chega ao escenario que xestiona o Centro Dramático Galego tras a súa exitosa estrea o pasado venres 17 e sábado 18 no Pazo da Cultura de Narón. Empregando como motivo a metáfora da vida como teatro, Cásting (a comedia) é unha historia repleta de humor, delicadeza e sinceridade para que o público ría, se identifique e se emocione. A través de cinco personaxes ricos, entrañables, intensos e cun punto de loucura, a obra procura que os espectadores poidan pensar nas súas propias vidas, nas súas decisións e nos seus desexos dunha maneira divertida.

Cásting (a comedia) fala do teatro, das probas, humillacións e desprezos que sofren os actores e actrices na súa traxectoria profesional pero, tamén, dos obstáculos e contratempos que calquera persoa supera na súa vida. Se o texto orixinal de Roger Justafré falaba da actualidade catalá, Roberto Salgueiro traduciuno e adaptouno para referirse á realidade teatral e aos problemas específicos de Galicia. O texto de Justafré acadou o accésit do Premio SGAE 1995 e trátase da única obra do autor que foi estreada por unha compañía profesional (concretamente en Uruguai) cunha adaptación propia ao castelán.

Para a posta en escena de Lagarta Lagarta, Alfonso Parra encargouse da iluminación, Ernesto Chao asumiu tamén a produción executiva e o deseño da escenografía e Rosa Álvarez asinou o vestiario. Marta Sacau exerceu como axudante de dirección e o espazo sonoro está composto por unha escolma de temas seleccionados pola propia compañía e interpretados por J. Luís d. P. ORJAIS (gaita e piano).

Lagarta Lagarta é unha empresa de produción teatral nacida en 2001 por iniciativa de Ernesto Chao e Rosa Álvarez, dous intérpretes de longa traxectoria profesional en Galicia. Segundo eles mesmos argumentan, trátase dunha compañía de actores fundada co espírito de facer aqueles espectáculos e proxectos aos que moitos actores e actrices esperan e desexan enfrontarse, pero que por diversas circunstancias non se puideron levar a cabo no seu momento. É, polo tanto, unha compañía que pretende estar aberta a todas aquelas propostas interesantes que poidan xurdir. Este é un dos motivos polos que Lagarta Lagarta non conta cun cadro de persoal fixo de profesionais (directores, actores, deseñadores, etc.), senón que en cada caso, en cada produción, se buscan os máis idóneos. As últimas lúas, Aeroplanos e O segredo dos Hoffman conforman as súas últimas producións.

As entradas para asistir ás catro representacións de Cásting (a comedia) poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo da actuación. Tamén poden adquirirse por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros para as funcións do xoves, venres e sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.

R.