Skip to main content

Feijóo quere manter o liderado da cooperación transfronteiriza en Europa

"En nome de Galicia –dixo-, asumo como primeira tarefa deste mandato da Comunidade de Traballo darlle continuidade á acción da Eurorrexión para que sexa máis que un enclave xeográfico, unhas coordenadas no mapa, un instrumento político, e se converta tamén nun sentimento espallado polos catro puntos cardinais que lle transmita aos cidadáns orgullo e esperanza de pertenza á Eurorrexión".

No día en que Galicia asume os ‘destinos’ da Eurorrexión, Feijóo avogou, así, por iniciar unha terceira fase, que afonde na colaboración cos novos instrumentos que ofrece a Eurorrexión, "especialmente a través da Agrupación de Cooperación Territorial que hai pouco menos dun ano que puxemos a funcionar, e que servirá para desenvolver e executar o que a Comunidade de Traballo esculca e planifica"; cos novos horizontes que se abren, "sobre todo a través da Macrorrexión con Castela e León"; e "cos novos actores que han de ser todos os cidadáns de Galicia e do Norte de Portugal".

"Esa terceira fase -explicou-, terá, en consecuencia, novos instrumentos, novos actores, novos espazos e novas tarefas: prepararnos ante o presuposto 2014-2020; máis recursos a través da cooperación transfronteiriza; tamén, compromisos educativos como o Campus do Mar ou o Laboratorio de Nanotecnoloxía; e compromisos de infraestruturas, a través do ferrocarril e do tren de alta velocidade, sen esquecer, en ningún momento, as posibilidades do mar. Temos o compromiso coa eurocidadanía a través da eurocidade Chaves-Verín e o compromiso de crecer, de consolidarnos, de ser a macrorrexión máis grande no sudoeste de Europa, coa Macrorrexión con Castela e León. En definitiva, temos a axenda chea de retos cun compromiso final: manter o liderado da cooperación transfronteiriza en Europa".

Galicia asume con memoria e responsabilidade esta nova tarefa

Para acadar este obxectivo, Feijóo afirmou que "Galicia e o Norte de Portugal temos que seguir sentindo xuntas e traballando xuntas". E referiuse a unhas verbas de Saramago: ‘Sómo-la memoria que temos e a responsabilidade que asumimos, sen memoria non existimos e sen responsabilidade quizá non merezamos existir’, para salientar que Galicia asume os destinos desta Comunidade de Traballo "fiel ao traballo que fixeron pola Eurorrexión os nosos predecesores, e con enorme responsabilidade para mellorala. Galicia asume esta tarefa con memoria e con responsabilidade".

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta destacou que a Eurorrexión devolveu a esta esquina de Europa o orgullo, a confianza en si mesma e as posibilidades de iniciativa e liderado e engadiu que "cómpre que sigamos nesa liña e nos preguntemos cómo facer máis forte o vencello que une as nosas comunidades, as pontes que xuntan as dúas beiras do Miño".

Así mesmo, recordou todo o traballo feito ata o de agora, para salientar que "todas as fiestras que abrimos no pasado, fixeron que na nosa Eurorrexión entrara sempre unha luz nova". E aseverou que "grazas a ela, soubemos que fóra había unha Europa na que é difícil competir pero na que, malia todo, os galegos e os portugueses podemos triunfar, ser respectados e mesmo trazar algúns dos camiños futuros para o vello continente".

Feijóo afirmou que así o sentiu a pasada semana, cando se reuniu co comisario de Política Rexional para lograr unha axuda transitoria que palíe a caída de fondos europeos nas comunidades que, como Galicia, deixarán de ser obxectivo converxencia no próximo presuposto comunitario. "E, así o sentín ao lograr a aprobación dun ditame galego que permita reforzar as AECT para, a través delas, conseguir máis fondos de cooperación territorial".
O presidente autonómico lembrou que, desde as primeiras reunións clandestinas nos tempos de Manuel Fraga e Braga da Cruz, a Eurorrexión foi un espello no que puido mirarse a Unión Europea para planificar infraestruturas, investimentos ou aventuras comerciais. "E ten que seguir séndoo", aseverou.

"Naquela primeira fase, a Eurorrexión liderou a aposta europea de facer das fronteiras unha ferramenta de crecemento, en lugar de elementos de división ou separación. Tamén foi pioneira na segunda fase, na que materializamos as primeiras institucións transfronteirizas, como esta Comunidade de Traballo, e sumamos o apio dos concellos, a través do Eixo Atlántico; ou de iniciativas locais, como a da Eurocidade Chaves-Verín; o apoio das universidades, como no Campus do Mar; ou o apoio dos emprendedores para traballar coordinadamente na consecución da Estratexia Europea 20/20".

Predecesores dunha forma de entender o mundo que agora se reclama

A pesar de que hai quen teme que a desaparición das fronteiras esnaquice as culturas, ou quen ten saudade dun mundo de países pechados, de parroquias pechadas, ou quen cre que a unión europea só é posible con estados membros e con rexións homoxéneas, que falen, pensen e que sintan o mesmo; Feijóo destacou que a Eurorrexión "é a proba de que eses medos non teñen fundamento".

"Antes, moito antes de que as experiencias transfronteirizas se incentivasen de xeito directo polas autoridades comunitarias, xa eran un éxito aquí. Desde entón, Galicia e o Norte luso nin confundimos orixes, nin rexeitamos as nosas respectivas culturas, nin perdemos a nosa autonomía. Fomos predecesores dunha forma de entender o mundo, que agora se reclama para facer fronte aos difíciles tempos que vivimos".

Deste xeito, Feijóo referiuse novamente a Saramago, a unha das súas obras máis importantes: ‘A balsa de pedra’, na que a historia parte dunha falla xeolóxica producida á altura dos Pirineos, que provoca un desgarro da Península Ibérica. "Fascina sobre todo a capacidade das personaxes para combinar un proceso cara dentro -que suxire a gran complicidade que houbo sempre entre españois e portugueses- con outro proceso cara fóra –que lles serve para enriquecerse e enriquecer as culturas coas que se van atopando durante a viaxe", explicou, para afirmar que Saramago ben puidera inspirarse na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para escribir a súa obra, "porque tamén nós conducimos nos últimos vinte anos a nosa particular balsa de pedra, e con ela tamén logramos levantar grandes experiencias conxuntas e a un e outro lado da raia, e movernos con éxito no resto de Europa".

O presidente da Xunta concluíu afirmando que "por sorte, a nosa balsa de pedra contou desde o principio cunha tripulación coordinada e cun rumbo preciso que nos permitiu ter capacidade de resposta para afrontar os problemas e os retos que xurdiron durante a travesía, e, ao tempo, dar un grande exemplo que serviu no pasado, serve no presente, e servirá no futuro: que o principio de cooperación efectiva é imprescindible para levantar a grande obra europea".
R.