Skip to main content

Relaciones Galicia-Europa: la Xunta inicia contactos con otras autonomías para defender una ayuda transitoria de la UE a partir de 2014

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, anunciou no Parlamento que a Xunta está a manter contactos con outras Autonomías afectadas pola saída do obxectivo converxencia da UE a partir de 2014 -como Andalucía e Castela-A Mancha- co obxecto de definir unha estratexia conxunta para a defensa dunha axuda transitoria ante o Goberno de España.

Así o manifestou Gamallo, en resposta a unha pregunta parlamentaria sobre as actuacións dos Gobernos autonómico e central para que se articule unha axuda transitoria para aquelas rexións que, como Galicia, abandonan por primeira vez o obxectivo de converxencia da Unión Europea no próximo período financeiro comunitario.

Fotografía: archivo GD / Xunta de Galicia

Segundo o director xeral este contacto é fundamental tendo en conta que o debate sobre a futura política europea está cobrando cada día máis intensidade e que a proposta lexislativa para o marco financeiro da UE de cara a este novo período se adoptará este verán.

Ademais, Gamallo insistiu na necesidade dunha postura firme e clara en favor desta axuda por parte de Madrid, ao tratarse dun tema de crucial importancia para o futuro de Galicia, entre outras comunidades. “Nos numerosos contactos mantidos coa Comisión Europea dende 2009, os representantes desta institución comunitaria recollen a nosa mensaxe e apoian a nosa demanda pero insisten en que é preciso que esa demanda sexa tamén formulada polo goberno de España”, explicou o director.

Tendo en conta os últimos datos dispoñibles do PIB per cápita para 2008, Galicia ten un 88,9 por cento, polo que se sitúa fora do actual obxectivo converxencia -situado no 75 por cento- e, polo tanto, sufrirá unha importante redución dos recursos financeiros procedentes de Europa.

Á vista desta situación, a Xunta de Galicia decidiu en maio de 2009 apostar de cheo pola defensa dunha axuda transitoria para Galicia a partir de 2014 que asegure a consolidación dos esforzos feitos ata agora na nosa rexión e que permita consolidar os resultados do proxecto europeo na nosa Comunidade Autónoma.

No marco da definición sobre a futura política europea de cohesión e co obxectivo de facerse oír no debate europeo, ideouse a Convergence Regions on the Way to Cohesion (CROWC), unha iniciativa dirixida ás 20 rexións europeas que, como Galicia, abandonarán o obxectivo converxencia a partir de 2014.

Entre os obxectivos desta rede está o de transmitir ás institucións comunitarias, aos Estados membros e a todos os actores europeos implicados no debate sobre o futuro da política de cohesión os argumentos que avalan a articulación dunha axuda transitoria para estas rexións.

Ademais, a CROWC tamén pretende sumar apoios para a defensa desta axuda transitoria no próximo período financeiro. Así, Galicia mantivo encontros bilaterais e colectivos con todas as rexións afectadas que contan con representación en Bruxelas. As reaccións a esta iniciativa, no contexto das reunións bilaterais, foron positivas e existe consenso sobre os argumentos defendidos por CROWC.

Neste sentido, cabe salientar o último destes encontros, o pasado 28 de marzo, entre o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, e o secretario de Estado para Asuntos Europeos da rexión alemá de Saxonia- Anhalt, Michael Schneider. Nesta reunión, que tivo lugar na sede da Fundación Galicia Europa, ambos manifestaron intereses comúns e coincidiron plenamente na necesidade de manter unha axuda transitoria para garantir os investimentos realizados ata agora e consolidar os avances experimentados.



R.