Skip to main content

El Festival Vigo Transforma 2011 confirma en su cartel a dEUS, Júnior Boys y a Toro y Moi

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A Consellería de Cultura e Turismo vén de confirmar as incorporacións do grupo belga dEUS, o dúo canadense Junior Boys e o americano Toro y Moi ao cartel musical da segunda edición do Festival Vigo Transforma 2011 que terá lugar en Vigo do 23 de xuño ao 2 de xullo de 2011 no marco do Ano da Música de Galicia. A través deste completo elenco de artistas nacionais e internacionais, o Festival Vigo Transforma organizado pola Xunta de Galicia, o Porto de Vigo, Esmerarte e Music2Day, configúrase como un espazo de participación, convivencia e interrelación de diversas disciplinas artísticas dentro dun ámbito urbano.

Formados en Amberes en 1991, dEUS comezou a súa carreira como unha banda estritamente de covers, pero pronto comezou a compoñer material propio. 'Vantage Point' é o seu último disco ata a data, publicado en 2008. Achegan un directo irreverente sobre a base de influencias que van dende o folk e o punk ata o jazz e o rock progresivo, unha mestura un tanto extravagante como eles mesmos definen.

Junior Boys, dúo canadense formado por Jeremy Greenspan e Matt Didemus, presentará no Vigo Transforma os temas do seu cuarto álbum, 'It's All True', que verá a luz o próximo 14 de xuño. Se trata dun disco no que abrazan varios estilos musicais como o post punk, disco, techno, R'n'B e electrónica xunto a soul, dubstep, house ou pop, formando un todo con gran coherencia.

Chaz Bundick baixo o sobrenome de Toro y Moi tamén actuará no Festival Vigo Transforma. Este mozo nacido e crecido en Columbia, pero de ascendencia filipina, deu o salto ao panorama musical en 2009 converténdose rapidamente no son do momento e recibindo magníficas críticas co seu primeiro álbum, 'Causers of This'. Agora presenta 'Underneath the Pine', un traballo cargado de funk, disco e pop co que anuncia unha nova fase mostrando o seu talento.

Deste xeito os nomes de dEUS, Junior Boys e Toro y Moi súmanse a un cartel musical de relevo no que tamén se inclúen artistas internacionais e nacionais da talle de Yann Tiersen, Vetusta Morla, The Pains of Being Pure at Heart, Russian Red, Xoel López, The Gift, Ron Sexsmith, Catpeople, Eladio y los Seres Queridos e Hola a Todo el Mundo.

Segunda edición do Vigo Transforma

Vigo contará por segundo ano consecutivo co Festival Vigo Transforma. Con dous espazos para a música, a programación musical centrarase nos días 30 de xuño e 1 e 2 de xullo. Os concertos, ao igual que ocorreu na primeira edición, compleméntanse cunha programación alternativa centrada en instalacións artísticas repartidas por diferentes localizacións.

A internacionalización é un dos grandes retos de Vigo Transforma, ter a capacidade de ser visible máis alá das súas fronteiras, ser marca de referencia levando o nome de Galicia fóra. Para iso estase a traballar en varios proxectos conxuntos con empresas galegas e doutras zonas, para que Vigo Transforma estea presente como marca noutros eventos, da mesma forma que o Festival está aberto ás propostas que a industria galega queira achegar. Entre outros eventos, cabe destacar que Vigo Transforma será visible a través dunha iniciativa para a convocatoria dun Foro Internacional de Festivais de Música.

Desde o 23 de xuño e ata a finalización do festival, a iniciativa Vasos Comunicantes, coordinada polo artista galego afincado en Bruxelas Isaac Cordal, encherá espazos significativos da cidade de Vigo con diferentes traballos de arte, ciencia e tecnoloxía. O obxectivo é empapar do espírito do Festival a todo o que se atope na cidade durante eses días. Facer ao público partícipe do evento e transformar a cidade. Unha serie de proxectos nos que se dan cita artistas de diversas procedencias mediante chamativas e provocativas iniciativas e instalacións multimedia que inundarán o entorno urbano, e este ano amplíase a oferta con máis obradoiros e proxección de documentais. Como novidade este ano incluíuse o ámbito da moda dentro das actividades programadas como Vasos Comunicantes, contando coa colaboración de varios deseñadores e entidades de formación.

Ademais, Vigo Transforma seguirá sendo un Festival Sostible, comprometido co medio ambiente tras ser o primeiro evento galego que aplicou o compromiso medioambiental segundo as indicacións da consultora de Medio Ambiente Universo Vivo. Nesta liña, e chegada a primavera, desde mañá venres e ata o próximo mércores, realizarase unha plantación de árbores autóctonos para compensar o impacto medioambiental xerado na primeira edición. Será en colaboración coa Entidade Local Menor de Bembrive no Monte de Utilidade Pública 563.
R.