Skip to main content

Sistema Universitario Galego (SUG): Educación expone el proyecto del nuevo Decreto de títulos

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A Consellería de Educación e Ordenación universitaria exporá na súa web o proxecto de decreto polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais en Galicia, a dispor de todas as persoas, grupos ou institucións que o desexen formular observacións, suxestións e achegas ao texto. O período de información pública, que comeza hoxe, durará 15 días, nos que o proxecto figurará na web.

Deste xeito continúa o proceso para a aprobación deste decreto, despois de que o texto fora acordado cos representantes do sistema universitario galego. De feito, a Comisión de Titulacións do Consello Galego de Universidades, reunida o pasado 6 de xuño, chegou a un acordo unánime sobre os últimos puntos que quedaban por definir.

A Comisión de Titulacións traballou nas últimas semanas para introducir melloras no decreto. Deste xeito acordouse que, dentro dos requisitos xerais para os novos títulos, esixirase que teñan un carácter esencial ou estratéxico para dar resposta ás necesidades formativas e científicas do sistema universitario de Galicia. Tamén se potenciará a singularidade ou especialización dos campus universitarios.

No tocante aos requisitos específicos afóndase na necesidade dunha relación directa dos ensinos de posgrao cos estudos de grao realizados previamente polo alumnado.

Respecto do número de estudantes de novo ingreso mantéñense as cifras de 50 alumnos novos por ano para cada grao e 20 para os máster. Pola súa banda, nos doutoramentos contémplase un período de catro anos, no canto das esixencias anuais.

Os graos que non alcancen os 50 alumnos de media durante tres cursos a partir da publicación do decreto, terán que realizar un plan de viabilidade para mellorar o título dando resposta ás necesidades formativas. A Consellería de Educación terá en conta o carácter esencial e singular da titulación á hora de aprobar o devandito plan.

Estas condicións de demanda para os graos xa existentes, seranlles de esixencia para o curso 2015/2016. É dicir, contarase o alumnado matriculado a partir do primeiro curso académico unha vez aprobado o decreto, que corresponde ao curso 2012/2013.
Con estas achegas principais e outras de carácter menor, o proxecto obtén o informe favorable por unanimidade do Consello Galego de Universidades. O decreto mantén a data prevista de aprobación para o próximo mes de outubro.
R.