Skip to main content

Patrick Wolf, Bonnie "Prince" Billy, Adam Cohen, Aloe Blacc y Bettye Lavette, en el ciclo musical Galicia Importa

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O ciclo musical Galicia Importa que conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo vén de poñer á venda as entradas para os concertos das cinco novas incorporacións ao seu cartel. Durante os meses de outubro e novembro terán lugar no marco deste ciclo os concertos dos artistas internacionais Patrick Wolf, Bonnie ‘Prince’ Billy, Adam Cohen, Aloe Blacc e Bettye Lavette en escenarios de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela. Deste xeito, a Xunta de Galicia porá o broche final ao Ano da Música de Galicia, que conmemora ao longo deste 2011. As entradas para asistir a estes concertos pódense adquirir a través das canles habituais do ciclo: a páxina web www.servinova.com, o teléfono 902 43 44 43 ou das tendas Discos Elepé en Vigo, Discos Gong en Santiago e Discos Portobello en A Coruña.

O primeiro dos cinco novos concertos do ciclo Galicia Importa será o 13 de outubro, na Sala Mondo de Vigo. Neste escenario actuará o británico Patrick Wolf, que amosará ao público galego o seu quinto traballo, Lupercalia. A seguinte cita do Galicia Importa terá lugar no auditorio de ExpoCoruña, onde o 22 de outubro actuará Bonnie ‘Prince’ Billy, no que será o seu primeiro en concerto en Galicia. Will Oldham, herdeiro da música de raíz do seu Kentucky natal, converteuse nos últimos anos nun dos nomes máis admirados e respectados da escena americana dos últimos anos. Bonnie ‘Prince’ Billy é considerado por moitos como herdeiro musical de Bob Dylan e os seus discos relaciónano con grandes nomes como Johnny Cash, Nick Drake ou Neil Young.

Cinco días despois, o 27 de outubro, será a quenda de Adam Cohen, que actuará no Salón Teatro de Santiago de Compostela. O cantante e compositor, fillo de Leonard Cohen, presentase por primeira vez en España e farao nunha xira con só tres paradas: Madrid, Barcelona e Santiago. Neste concerto, Adam Cohen presentará o seu novo disco, que leva por título Like a man e que lanzará no mes de outubro.

Xa en novembro, será a quenda do cantante de soul Aloe Blacc, que actuará o día 6 dese mes na Sala Capitol de Santiago de Compostela. Este mozo californiano, ao que moitos sinalan como herdeiro de Marvin Gaye, interpretará os temas do seu último disco, titulado Good Things e que o converteu na gran revelación do soul actual.

O quinto concerto que se incorpora ao ciclo Galicia Importa é o da cantante Bettye Lavette, que actuará o 8 de novembro no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña. Despois dunha longa carreira, Bettye Lavette é recoñecida como unha das grandes voces do soul. Compañeira de xeración de Aretha Franklin ou de Diana Ross, nos últimos anos estivo presente nos festivais máis prestixiosos de jazz, blues ou soul, ademais dos seus shows en recintos emblemáticos como o Apollo de Nova York ou o Royal Albert Hall de Londres.

Enmarcado na celebración en 2011 do Ano da Música, Galicia Importa ofrece unha programación regular con grupos ou artistas que nunca visitaron Galicia ou que pola súa traxectoria, estilo ou relevancia, merezan ser presentados ao público galego en actuacións únicas e formatos especiais. Na mesma liña que na pasada edición, o Galicia Importa continua apostando por un prezo notablemente máis baixo na venta de localidades que os concertos dos mesmos artistas noutras cidades da Península, para facilitar así que a música en vivo chegue aos milleiros de seguidores cos que conta en Galicia. Nesta edición 2011 xa puidemos gozar da música de Pete Doherty en Santiago, de Jay Jay Johanson na Coruña, e do estadounidense M. Ward en Vigo.

R.