Skip to main content

Diarios Sonoros. Retratos Musicais do Século XX, homenaje a artistas y pensadores que exploraron nuevos territorios musicales

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, presentou na Cidade da Cultura de Galicia Diarios Sonoros. Retratos musicais do século XX, un ciclo que, realizado en colaboración con aCentral Folque, quere render homenaxe a artistas, musicólogos, filósofos ou pensadores que co seu traballo ampliaron as fronteiras da música. No acto de presentación, o conselleiro estivo acompañado pola directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño; polo director de Acción Cultural da fundación, Ignacio Santos, e polo coordinador do proxecto, Mauro Senín Leira.

Entre outubro e abril, o ciclo ofrecerá unha serie de sesións onde se mesturarán concertos exclusivos, palabra e diálogo, pezas audiovisuais ou materiais gráficos, conxugando sempre sobre o escenario artistas galegos e internacionais. Diarios sonoros terá lugar un sábado ao mes no auditorio da Biblioteca de Galicia, con capacidade para 120 persoas, en horario de 12,00 a 13,30 horas. A actividade será de balde, previa reserva de praza na web www.cidadedacultura.org.

Durante a súa intervención, o conselleiro de Cultura e Turismo explicou que este ciclo “ten como obxectivo facer un achegamento á obra e á vida de artistas que tomaron riscos e fundaron estilos sonoros dos que aínda beben moitas das músicas de hoxe”. Roberto Varela engadiu que o ciclo irá máis alá e “centrarase tamén na labor de musicólogos, filósofos e investigadores que contribuíron a crear novas correntes”. Ademais, agradeceu a colaboración de aCentral Folque, “que traballa nas tarefas de promoción e divulgación da música popular galega, cun enfoque aberto e contemporáneo”.

“Este ciclo pretende estimular a curiosidade do público por coñecer novos terreos musicais”, asegurou o conselleiro de Cultura e Turismo, quen destacou que tamén se busca “poñer en valor o patrimonio musical galego e promover un diálogo entre artistas e axentes culturais da nosa terra e de fóra dela”. Por último, Roberto Varela tamén quixo agradecer a colaboración das institucións que participan neste ciclo, como a Fundación SonDeSeu, a Universidade de Santiago de Compostela ou o Museo da Música Portuguesa.

Os temas que se tratarán nas tres sesións de Diarios sonoros que se celebrarán este ano serán o rexurdimento do celtismo, que se explorará a través da figura do gaiteiro bretón Patrick Molard; a relación entre música ou arquitectura, con paralelismos como a estética do espazo, ou a figura de Michel Giacometti, que cos seus traballos de recuperación e documentación preservou o folclore popular portugués.

En cada sesión participará un artista representativo dunha corrente musical e un experto. Comezarán cunha breve introdución musical ou audiovisual, seguirá unha exposición da temática por parte do experto e da experiencia vital e musical por parte do artista. Tras estas intervencións terá lugar un coloquio aberto ao público e a sesión finalizará cun peche musical a cargo do artista convidado.

No exterior da Biblioteca de Galicia, un fotógrafo profesional cunha cámara antiga retratará ao público que o desexe. O elemento común a todas as sesións será un pano de fondo como os empregados polos fotógrafos de principios de século como marco para a realización de retratos de familia. Este será unha creación do artista Pablo Giráldez, o Pastor. Unha vez rematada cada sesión, Giráldez ofreceralle ao público a posibilidade de facerse un retrato xunto co artista convidado no espazo escénico creado. As fotos serán subidas á web www.cidadedacultura.org, onde os interesados poderán descargalas.

O ciclo estenderase desde outubro ata abril, cunha sesión mensual que se celebrará sempre un sábado pola mañá. A sesións deste ano serán Celtas sen filtro, o 22 de outubro; Arquitectura e música, o 26 de novembro, e Michel Giacometti, filmografía de um povo, 17 de decembro. As sesións de 2012 daranse a coñecer proximamente.

Primeira sesión: ‘Celtas sen filtro’

O ciclo arranca o 22 de outubro coa sesión titulada Celtas sin filtro. A finais dos anos sesenta o celtismo musical supuxo un catalizador á hora de inserir as culturas tradicionais do arco atlántico na cultura internacional reinante. Entre os protagonistas deste rexurdimento destaca a figura do bretón Patrick Molard, o gaiteiro máis internacional e embaixador da música popular da Bretaña. Alumno dos últimos tocadores bretóns da “vella escola” e mestre das novas xeracións, é a ponte entre o antigo xeito de facer música e a adaptación consolidada aos novos estilos.

Formato da sesión:

Conversa entre Raúl Pinheiro e Patrick Molard. Concerto-exprés de Patrick Molard á cornamusa bretoa (biniou koz) e escocesa (highland bagpipe).

Participantes:

- Patrick Molard. Un dos máximos expoñentes do celtismo musical e o inspirador moderno na interpretación da cornamusa bretoa (biniou koz) e da escocesa (highland bagpipe). É un dos gaiteiros máis respectados en Escocia e a nivel internacional, a nivel interpretativo e coma docente das técnicas máis avanzadas para estes instrumentos.
- Condutor: Raúl Pinheiro. Programador e activista cultural, foi o director de prestixiosos festivais nos anos 90 (Intercéltico de Moaña, Mundo Celta de Ortigueira) e dos Congresos do Mundo da Gaita. Responsable de ter traído a Galicia a artistas da esfera "céltica" como Alan Stivell, Mick O'Brien, Jean Luc Lemoigne ou Fred Morrison.
Institucións e medios de comunicación colaboradores: Fundación Sondeseu (Vigo), Revista World Music (Barcelona) e o programa Lume na Palleira da Radio Galega.

Segunda sesión: ‘Arquitectura e música’

Os paralelismos entre a composición da arquitectura e a musical tradúcense na estética do espazo, aspecto fundamental da creación contemporánea do século XX. Os artistas convidados para esta sesión son bos exemplos das estéticas musicais xurdidas coas novas vangardas logo da II Guerra Mundial, representantes dun xeito de compoñer novo baseado na acción sonora (performance), na revalorización do son coma materia prima (paisaxe sonora) e nas novas tecnoloxías (a cinta magnética, o micrófono, o ordenador).

En España, aínda que minoritaria, esta estética vaise consolidando grazas a persoas coma Inmaculada Cárdenas coa súa labor docente (pioneira da Pedagoxía da Creación Musical) e artística (directora do GCMUS, Grupo Estable de Creación de Vangarda da Universidade de Santiago) ou José Luis Carles coa súa difusión (programa sobre a paisaxe sonora de Radio Clásica) e traballo na Universidade Autónoma de Madrid e o seu tándem coa arquitecta e videocreadora italiana Cristina Palmese.

Formato da sesión:

Diálogo sobre espazo e son seguido dunha intervención sonora e visual creada especialmente para este ciclo.

Participantes:

- Condutora: Inmaculada Cárdenas. Compositora e pedagoga. Catedrática da área de música da USC.
- José Luis Carles. Compositor, comunicador e teórico.
- Cristina Palmese. Arquitecta e paisaxista sonora.
- Arturo Vaquero: produtor musical e enxeñeiro de son.
- Mónica Álvarez: artista vocal
Institucións e medios de comunicación colaboradores: GCMUS. Grupo de Creación Musical da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Radio Clásica (RNE) co programa La Casa de Sonido.

Terceira sesión: ‘Michell Giacometti, filmografía de un povo’

A gravación documental das tradicións dun pobo para preservar o seu folclore é unha actividade tan valiosa coma romántica. Desde Bela Bartok ata Alan Lomax, son moitos os investigadores que fixeron traballos de campo en zonas concretas do mundo e deixaron un legado inmenso de cultura popular, ás veces anónima e sempre presente. Os traballos de recollida do etnomusicólogo corso Michel Giacometti, desenvolvidos en territorio portugués a partir da década dos 60, permitiron o rexistro e a preservación do imaxinario rural e o divulgaron para as vindeiras xeracións.

Actualmente, coa revolución informática e das comunicacións, ábrese unha nova era na divulgación deste patrimonio e están aparecendo por todo o mundo edicións remasterizadas e dixitalizadas. Tradisom, de José Moças, é unha editorial de Portugal dedicada á promoción das películas documentais de Giacometti, que reeditou Michel Giacometti – Filmografía completa, a recompilación dirixida por Paulo Lima, o máximo investigador en Portugal do traballo feito polo realizador corso. Acompañaraos para esta sesión Pedro Mestre, virtuoso da viola campanisa do Alentejo, instrumento que gravou Giacometti nos anos 60.

Formato da sesión:

Proxección de dous documentais de Michel Giacometti, contextualización da súa obra e concerto-express de viola campanisa e voz.
Participantes:
- Condutor: José Moças. Programador e director de Tradisom, editorial independente de Vila Verde (Portugal).
- Paulo Lima. Investigador e coordinador da última edición do libro-DVD/CD "Michel Giacometti - Filmografía Completa".
- Concertista: Pedro Mestre. Cantor do Alentejo e o intérprete de viola campanisa (tipo especial de guitarra) máis afamado de Portugal.
Institucións e medios de comunicación colaboradores: Instituto de Estudos de Literatura Tradicional da Universidade Nova de Lisboa, Museu da Música Portuguesa e Radio Televisão de Portugal (RTP) Internacional.
R.