Skip to main content

Llega al Salón Teatro de Santiago de Compostela un montaje para adultos interpretado solo por niños: Materia Prima

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O Salón Teatro de Santiago acolle o 9 de marzo ás 20:30 horas unha única función de Materia Prima, montaxe da compañía madrileña La Tristura que ten a particularidade de ser interpretada por nenos de 10 anos pese a estar dirixida a un público adulto. O espazo escénico que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG), dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), iniciará coa posta en escena deste espectáculo, que visita Galicia en virtude da colaboración emprendida entre o CDG e o Festival ALT de Vigo, un novo período de actividade no que exhibirá ata finais de xuño sete obras de teatro, dúas pezas de danza e seis concertos, ademais de acoller outras actividades formativas e artísticas.

La Tristura está considerada como unha das compañías máis innovadoras do panorama teatral europeo. A súa última proposta escénica, Materia Prima, acaba de ser seleccionada como candidata por Madrid aos Premios Max 2012 dentro da categoría de Mellor Espectáculo Revelación. Con dirección e dramaturxia de Itsaso Arana, Pablo Fidalgo, Violeta Gil e Celso Giménez, toda a interpretación recae en Lucía Oña, Gonzalo Herrero, Siro Ouro e Candela Recio, catro cativos de 10 anos.

A montaxe é o resultado dun estudo sobre a herdanza, a educación e o futuro da xeración dos 80, que comezou en 2004 coa obra Actos de Juventud e do que se cede agora o contido autobiográfico e o testemuño xeracional a rapaces nacidos despois do ano 2000.

As claves desta produción, así como o calendario de programación e demais actividade do Centro Dramático Galego, serán presentadas aos medios de comunicación o vindeiro 8 de marzo nun acto no propio Salón Teatro.

O teatro galego será o protagonista da programación nos días e meses posteriores coa representación de 0,7% Molotov, a cargo de Teatro de Ningures; e xa en marzo de Oeste Solitario, de Producións Teatrais Excéntricas, montaxe que tamén opta –como candidata galega– aos Premios Max 2012 dentro da categoría de Mellor Espectáculo Revelación. A nova compañía O Fantabuloso Cine Ambulante dos Irmáns Lumieira presentará o seu espectáculo debut Sesión 1 e Pífano Teatro estreará en maio Winnie son eu, unha traxicomedia existencial de María Armesto.

A oferta escénica inclúe, asemade, a nova edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITU) que, baixo a organización da Universidade de Santiago de Compostela, terá lugar do 21 ao 30 de maio. Xa en xuño, a compañía Obras Públicas proporá aos espectadores 60 minutos de música, fútbol e teatro acompañados polo dúo interpretativo que compoñen Carlos Mosquera “Mos” e Leandro Lamas no espectáculo O fútbol é así.

Pola súa banda, os seguidores da danza contemporánea terán dúas citas no Salón Teatro: en marzo con La velocidad de las cosas, da creadora e coreógrafa Mónica García e coa compañía Entremans e o seu Blondy’s coffee na primeira semana de maio.

O grupo Liorna abrirá o 22 de marzo unha nova entrega do ciclo de concertos promocionais "ST Música Presente", dirixido preferentemente á difusión de traballos discográficos galegos diante dun público especializado. A este recital, seguirán en datas posteriores os de Riobó, Borja Cao Trío, Ugía Pedreira&Fred Martins e Loaira. Dentro do apartado musical está prevista tamén a actuación do compostelá Coro da Ra os días 16 e 17 de xuño.

O xénero de cabaré ocupará o Salón Teatro os primeiros días de xuño con Área de descanso, a nova proposta escénica de Gayo Pinheiro, dúo formado por Clara Gayo e Iria Pinheiro.

A carteleira tamén dará cabida ao acto de entrega do VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que terá lugar o 15 de maio no marco dunha nova edición do denominado espazo radioescénico, así como á particular Ronda Poética que, a modo de teatro da rúa a Compañía Femme Fatale desenvolverá no Día das Letras Galegas.
R.